A porcentaxe do uso do galego entre os escolares de Nigrán sitúase por debaixo do 10%, segundo os datos do departamento municipal de Normalización Lingüística. O Concello tratará de incrementalo coa promoción do emprego do idioma na crianza dos fillos. Por iso se uniu onte ao programa Apego, un proxecto de socialización da infancia en galego que une a 30 municipios do país con 1,3 millóns de habitantes en total. "Temos un compromiso coa nosa lingua e queremos promocionala desde o berce", suliñou o alcalde, Juan González, no acto de adhesión que se desenvolveu no auditorio municipal.

O programa -ao que tamén se incorporaron onte os concellos de O Carballiño, Cee, Lugo, Ponteareas, Sada e Vilagarcía- pón en valor a transmisión da lingua aos nenos de 0 a 6 anos con apoio ás familias a través de materiais e actividades. A partires de maio, o Concello nigranés agasallará a cada neno que naza no municipio cunha caixa de benvida que contén unha mantiña-apego, un álbum de primeiras experiencias, un libro, un adhesivo para o coche, un medidor e un CD de música infantil. Está previsto entregar un cento de caixas anuais, que deberán ser solicitadas polos pais no primerio ano de vida dos rapaces. Organizaranse tamén actos culturais para os pequenos e as familias, que xa poden acceder ás propostas de xogos, cancións ou vídeos colgadas na web www.apego.gal.