Sandra González Álvarez é alcaldesa de Tomiño desde fai oito anos. No vindeiro pleno da corporación municipal espera ter o consenso de todos os grupos para instar á Xunta a que remate definitivamente a concentración parcelaria nas parroquias de Estás-Goián-Figueiró. Despóis de vinte anos, non se entregaron os títulos de propiedade e as empresas do sector agrícola precisan da implicación do goberno autonómico, incide.

A prioridade neste novo mandato municipal é a educación da xente moza "para ter éxito no emprego e na vida".

-Na orde do día do vindeiro pleno leva unha cuestión de entidade para o sector agrícola e social...

-Todos os asuntos que se levan entendemos que son de importancia, pero a vindeiro pleno imos levar unha moción do governo que espero acade o consenso de todos os grupos con representación no pleno para que a Xunta remate definitivamente a concentración parcelaria nas parroquias de Estás-Goián- Figueiró. Parécenos que despois de vinte anos, que non se teñan entregado os títulos de propiedade é escandaloso, ademáis esa zona é unha parte moi viva a nivel agrícola e as empresas deste sector precisan da implicación do governo autonómico, temos un sector que aguantou o tirón da crise e temos que coidalo e axudalo.

-¿Acordaron actuacións concretas a priorizar no seu traballo dos vindeiros catro anos?

-As nosas liñas de governo nestes catro anos son aquelas coas que nos comprometemos cos veciños e veciñas no noso programa electoral. Temos claras cales son as prioridades e tamén os proxectos de medio e longo prazo nos que hai que traballar dende agora mesmo para que poidan dar resultado dentro de tres anos, ou mesmo no futuro, como é no caso da educación que para este governo é unha prioridade.

-¿Pode precisar máis sobre este eido de especial sensibilidade?

-A nosa prioridade no vindeiro ano vai ser a educación e a xente moza. Tomiño é un concello moi novo e temos necesidade de que os nosos mozos e mozas teñan éxito na escola para posteriormente poder telo no emprego e na vida. Somos conscientes de que é algo que non ten resultados a curto prazo, pero cremos que nos concellos tamén hai que traballar coa mirada posta no futuro.

-¿Hai resultados dos acordos coa vila irmá de Vila Nova de Cerveira?

-As liñas básicas irán por fomentar a unión das dúas sendas arredor do Miño, por facer unha difusión e programación conxunta dos dous parques, o do Castelinho e da Fortaleza e compartir servizos e infraestructuras como a piscina e a escola de música.