A reforma da zonificación educativa de Vigo está nun momento de parada técnica, á espera de ver que acontece no vindeiro curso. Mais isto non supón ningún cambio para os nenos e nenas do barrio de Navia. Coa zonificación aprobada ou non, a Consellería de Educación insiste e o CEIP Castelao "figura" adscrito a un IES a máis de 10 Km das vivendas do seu alumnado, a pesar de teren dous institutos ás portas das súas casas.

Segundo se indica dende a propia Consellería, unha das bases principais dos procesos de zonificación educativa é a proximidade aos centros de ensino. Desta directriz está excluída, por motivos que eu descoñezo, o barrio de Navia. Neste caso a premisa é "vaise empregar ao alumnado do CEIP Castelao para fornecer ao IES de Valadares, si ou si", aínda que isto supoña facer viaxar aos rapaces e rapazas dende os 11 anos máis de 20 Km diarios.

Teño escoitado dicir que con esta acción os nosos fillos parecera que viviran nalgún lugar afastado do rural galego, pero nada máis lonxe da realidade. O alumnado da montaña de Ourense, no Courel, dispón dun centro integrado, é dicir imparten a ESO no mesmo centro que a primaria, o mesmo acontece nos Ancares na montaña luguesa, afortunados...

A verdade é que custa entender a que se debe este trato tan discriminatorio a un barrio que en breve prevé acadar os 15.000 habitantes. Á falta de explicacións, parecera unha vinganza política polos resultados electorais acadados no barrio polo partido que leva a cabo estas decisións. Agardemos que non.

Mais teimudos de nós, por enésima vez volvemos reclamar igualdade de trato para os nosos fillos e fillas e seguiremos dicindo alto e claro...

¡Instituto preto da casa. Non á adscrición a Valadares!