Dende a quinta planta do CHUS todo se ve máis pequeno. Por fóra e por dentro. Xente na distancia e problemas e preocupacións que encollen cando aquí te das conta do que é realmente importante. A vida -sempre fermosa e tantas veces inxusta- levounos ata alí con Álvaro hai agora 20 meses. O seu padecer non sería tan levadeiro se non déramos cun equipo de xente coma o que nos tocou. No control A da quinta e tamén nas consultas de Onco e no Hospital de Día sempre atopamos un sorriso, unha palabra amable, unha profesionalidade impecable e un trato con cercanía e humanidade. Todo o que cabe esperar (e máis) cando che tocan estas "loterías".

Álvaro foise o pasado día 2 despois dunha loita exemplar contra un cancro na que nunca se rendiu. Non por agardada a súa marcha foi menos dolorosa. Dende ese día levo dándolle voltas á cabeza para agradecer a todo o persoal da planta o que fixeron por el, por nós e o que fixeron e fan por tantos outros pacientes e familias tocados por esta enfermidade para a que só nos cabe a esperanza nos avances médicos.

Non sei se acertarei co que pretende ser un recoñecemento público ao traballo diario de médicos, enfermeiros/as, auxiliares... e a xente do Centro de Saúde de Silleda e A Bandeira que tanto nos axudaron nos últimos momentos. A todos e todas os que traballan día a día en favor do máis prezado: a nosa saúde. Porque ás veces con tanto titular de listas de agarda e colapsos nas urxencias esquecemos que por riba das burocracias están as persoas. E que na Sanidade Pública temos valiosísimos profesionais que aman o seu traballo e que desenvolven a súa labor con rigor, paixón e humanidade.

Álvaro estaba tan agradecido que cando a enfermidade parecía darlle unha tregua hai uns meses fixo ata unha lista cos vosos nomes para facer unha festa. El era así. Alá por onde iba facía amigos. E nunca se cansaba de agradecer todos os xestos que a xente tiña con el. Non vos vou nomear a todos porque seguro que me esquezo de algúen. E sería imperdoable. Eles e elas saben quen son. E saben (sabedes) o aprecio que Álvaro vos tiña. "Que sería de min sen esta xente!", decía mentras se aferraba a unha vida que para el foi curta pero intensa. Sinto e sentimos que segue con nós. O cancro arrancounos un trozo ben grande do corazón pero nunca nos arrebatará o seu recordo. Como tampouco olvidaremos todo o que fixestes por el.

Estouno imaxinando ao volante mentres na radio sona Tonino Carotone, un dos moitos artistas que nos descubriu a máis dun nas súas moitas viaxes musicais. (E' un mondo difficile, e vita intensa, felicita' a momento, e futuro incerto, il fuoco e l'acqua con certa calma serata di vento e nostra piccola vita e nostro grande cuore).

Remato coa palabra que máis nos repetiu nas súas últimas horas: grazas. O noso mundo é agora máis difícil sen ti.