Ninguén poderá borrar completamente a súa orixe e, dende logo, non hai tempo máis perdido que o que se gasta en facelo. Hai poucas cousas tan importantes como recoñecer o que un é e de onde vén.

Son unha voz sinxela que reventa, a arma que leva unha protesta, unha queixa para intentar explicar o que coido que ten condenado a Galicia a un suplicio eterno. Como galego, teño un compromiso ético coa terra onde nacín, xa que países hai máis dun cento pero patrias só hai unha.

Loitemos, batallemos e reivindiquemos, porque a patria non existe sen o amor dos seus fillos, sen a unión dos bos galegos. Esta dor que sofre o país, causada por un mal goberno pero que pode cambiar se aínda queda alguén con sentido político, non é nin máis nin menos que un puñal cravado no corazón de Galicia, na súa lingua. ¿Pois quen se non intentou que o galego fose optativo nas materias escolares? ¿É iso defender a Galicia, tratando de elimina-lo seu idioma? Quen defende a Galicia o primeiro que fai é defender a súa lingua. Os idiomas unen, non separan.

Dende logo non é algo normal, ¿en que cabeza cabe tentar de eliminar o alicerce da nosa identidade, a nosa fala e procurar borrar o que somos? Galicia é a súa cultura ou non é nada.