Son un veciño de Baiona que normalmente frecuenta o paseo do río de Baíña, deleitándose na contemplación da grandiosidade e beleza dese espazo único, ateigado de vexetación exuberante, rochas e hortas sementadas que lindan co caudal.

É alarmante a desaparición total de ras nas súas augas, así como dos cabezolos (cucharillas), que enchían as pozas e canles que levan aos muíños e nas que noutrora abondaban. As angulas tamén fican ausentes nun río que fai cincuenta anos era un grande viveiro. Sorpréndeme, de igual grado, a desaparición paulatina das troitas nun río troiteiro, pois nun treito de dous quilómetros cara a desembocadura puiden albiscar apenas uns poucos exemplares.

A que se debe esta incesante perda e redución da biodiversidade? Pode ser debido ao uso de herbicidas? Ultimamente, persoal do Concello ten pulverizado ese veleno no pilón do Burgo e nos camiños que o bordean, así como polas xardineiras perto do mesmo. Ao Concello de Baiona pídolle que prohiba a utilización destes produtos tóxicos que danan mortalmente a fauna e a flora. Deberíase prever e vixiar calquera vertedura ilegal nas súas marxes e permanecer atentos a invasión de especies foráneas (caso do visón americano, depredador voraz e insaciable que foi observado no lugar e que non ten inimigos naturais, animal que pode rematar nun corto espazo de tempo coas especies autóctonas).

Non teño respostas, si inquedanzas, pola rápida desaparición da vida no entorno, pola indiferenza, insensibilidade e desidia nosa e dos nosos gobernantes.

Como epílogo, quero facer un chamamento á Consellería de Medio Ambiente e Conservación do Territorio (dependente da Xunta de Galicia) e tamén ao Concello de Baiona, así como aos estamentos que corresponda, para que poñan solución a este preocupante e rápido deterioro dos ríos e dos mares, e traballen en medidas urxentes e eficaces para a súa recuperación e saneamento.

A natureza é a riqueza máis grande de Galicia e se ésta morre, morre a nosa terra.