Neste país estamos a vivir cousas que nos teñen que mover e reclamar unha toma de conciencia daqueles que nos queren gobernar para que con eficacia e sinceridade poñan solucións ós problemas que ten a nosa sociedade.

Hoxe non quero pensar nas guerras, barbaries e miserias que estamos a ver fora das nosas fronteiras. Só no que temos na casa. Hai que limpar a nosa antes que a allea.

Quero pensar na situación das pobres persoas que están sen teito. Se mal non recordo fálase dunhas 47.000 aproximadamente. Dormen ó lado das rúas debaixo dunha manta ou cuns cartóns, e os máis favorecidos dalle acubillo unha ponte ou un túnel?

Quero pensar tamén naquelas que están no paro ou que reciben un salario mísero que malamente lle da para comer.

Quero pensar en quen ten que esperar un ano ou máis para poder operarse dunha hernia, das cataratas e outras máis tan necesarias para saúde.

Pero, quero pensar, en especial, que no noso país temos 450.000 políticos aproximadamente. Que se empezamos polos deputados ninguén baixa dos 4.000 euros como mínimo. E mira que son un mundo deles! Ah, só declaran case a metade do salario, porque o outro é para aloxamento e manutención. Pobriños, case non lle da para comer?

Quero pensar na cantidade de asesores innecesarios con boa paga e nomeados a dedo. Nas fundacións dos partidos coas subvencións correspondentes que pagamos todos. No malgaste electoral para promocionar, máis que nada, o poder dos partidos, así despois se dan tantos cobadazos dentro dos propios para situarse ben.

Quero pensar que cada vez hai máis ricos e máis pobres.

Quero pensar?, quero pensar en algo positivo con respecto a política social seria e non de esmola. A ver se para a próxima alguén me presta unha luciña para descubrir algo.