De cando en vez aparece na prensa algún artigo que fai alusión aos cabalos salvaxes, as coñecidas "bestas". Pero, por desgracia e con frecuencia, un galimatías de nomes déixanos confusos.

Tentarei aquí aclarar un pouco as cousas e non lialas máis.

Os cabalos que viven libres nos montes do norte de Portugal, Galicia, Asturias, Cantabria e País Vasco proceden todos do mesmo tronco.

Son moi antigos e descendentes directos de aqueles que foron representados, maxistralmente, no Paleolítico, nas pinturas rupestres das covas do norte ibérico e sur de Francia.

Sempre viviron salvaxes e libres; nunca foron domesticados, excepto algún núcleo vasco, onde os denominan Pottokas. Por tal razón constitúen a única poboación salvaxe actual da especie Equus ferus (cabalos).

Xa nas pinturas rupestres (Tito Bustillo, Altamira, Pech Merle, etc.) aparecían representados con diferentes capas: castaños, negros, grises, tordos, brancos, ventre lavado, etc., polo que é fácil deducir que ese politipismo das capas é un carácter moi antigo. Recentes estudos xenéticos confírmano (Pruvost, et al. 2011).

Tamén outros estudos xenéticos confirman a antiguedade da dita estirpe, outorgándolle así validez á súa consideración como unha subespecie diferente (Equus ferus atlanticus) dentro da especie Equus ferus (Bárcena, 2012; Warmuth, et al. 2011).

Desde garranos, no norte de Portugal e sur de Ourense, ata Pottokas vascos, as denominacións varían (bestas, burras, asturcóns, etc.), pero os animais son os mesmos.

A denominación "pura raza galega" é outra cousa, que non ten nada que ver con todo isto. Trátase dunha raza de recente creación. Non é subespecie e, como tal raza, non ten valor biolóxico nin evolutivo. Nin son aqueles que viviron desde o Pleistoceno, hai cincocentos mil anos, no monte.

Respecto aos cebros, ou cebras, ibéricos non hai ningunha certeza da existencia de tales animais na Península Ibérica. Ademais, non aparecen representados nas pinturas rupestres.

Parece raro que os artistas do Paleolítico, tan realistas, non reparesen nelas. Parece claro que non as había por aquí.