O Concello de Redondela presume de pioneiro na defensa do galego, mais a súa habitual práctica móstranos que de rendas non se vive. Nestes día de Nadal, a vila de Redondela ten fío musical imposto polo consistorio.

Alén de constituír un elemento máis próximo á tortura que ao incentivo do consumo ou celebración das festas, a elección musical supón unha mostra da falta de apego que o Concello de Redondela ten polo idioma.

O sábado 17 de decembro contabilizamos as cancións e o seu idioma entre as 10.50 e as 12.40. Ese día Redondela albergaba unha feira de artesanía e as rúas da vila estaban cheas de xente. Os resultados viñeron a confirmar as nosas sospeitas.

Nesas dúas horas, emitíronse un total de 28 cancións. Delas, 15 foron en español, nove en inglés, unha instrumental, outra nun idioma descoñecido e dous en galego. Isto é, as cancións en galego representaron menos do 8% das emisións. Alén diso, a elección do repertorio de moitas das panxoliñas en español é nefasto. Os arranxos de palmas aflamencadas enlatadas dominaron un máis que dubidoso gosto musical na recompilación. É notable sinalar que a panxoliña "Mira como beben los peces en el río" soou ata cinco veces no intervalo de tempo estudado! Resulta insultante que en case dúas horas de emisión só se puideran escoitar dúas cancións no idioma galego.

O actual goberno de dereitas do Concello de Redondela fai gala de defensor do galego sumándose a proxectos como o de Apego, mais a defensa do galego non é cuestión de gústames, ofrendas florais, monolitos ou galeguistas de fotocol, senón de feitos e prácticas diarias. A marxinación da música galega no fío do rueiro de Redondela non é cuestión de inexistencia de repertorio galego de Nadal e de Reis. Galiza conta cun amplo e diverso repertorio accesible a calquera nunha extensa fonoteca. A (non) presenza do galego na banda sonora do Nadal redondelán é unha decisión política.

O mellor que pode facer o Concello de Redondela é rectificar a súa elección musical. Na lingua das panxoliñas e na calidade das súas versións. Facer do uso do galego algo habitual non é unha quimera, é cuestión de vontade.