Diríxome a vostedes para relatarlles o sucedido o pasado 19 de setembro na porta do colexio Fleming á hora da entrada dos nenos e nenas. Como en moitas outras ocasións había persoas que regalaban álbumes de cromos. A miña filla de 6 anos achegouse porque quería un álbum de cromos de fútbol. Non llo deron, sacáronna do grupo e colocáronna noutro no que daban outro álbum dos considerados "femininos".Non llo deron porque é unha nena, así de simple. Considero este feito gravísimo, sexista e denunciable: a mensaxe é tremenda, tanto para as nenas como para os propios nenos que ven como determinadas cousas son exclusivas para uns ou para outros.

Quen considere que só estou falando dun álbum e que polo tanto non ten tanta importancia, por favor que se pare a pensar no que consiste o mundo dunha nena ou neno desa idade: o cole, os xogos,o parque, os cromos, os dibus... esas son as súas cousas, o seu mundo, é importantísimo que todos e todas podan compartir o mesmo: xoguetes e xogos, deportes, aficións... Feitos como este trasmítenlles desde pequenos a desigualdade e o sexismo como algo normal e debemos evitalo.

Espero que esta carta sirva para que este tipo de feitos vaian deixando de ocurrir.