"E sempre a mesma melodía.

Salazar e a súa democrasía"

(Estribillo do "Meu país", Luis Cília, poeta e cantautor luso).

Prométenos o señor Núñez Feijóo que se volve acadar a presidencia da Xunta vainos construir un parque acuático na cidade. Tamén prometeu, por prometer que non sexa, un hotel balneario, que é, coma sempre, o conto da boa pipa. ¡Menos mal que non secan as pozas!

Digo eu que tería que seren máis orixinal, coma fora o seu correlixionario valencián Alfonso Rus, cando prometera: "Dije: traeré la playa a Xátiva. ¡Y se lo creyeron! ¡Si yo mando, traeré la playa! Y van y se lo creen todo. ¡Serán burros! Y me votaron" (EMV, 04.01.2015). Lembremos que Xátiva dista do Mediterráneo uns 30 kms. alomenos. Político que contaba co cariño de Rajoy: "Yo te quiero Alfonso, coño, te quiero" (08.06.2007).

Alonxarse dos estribillos das aburridas campañas electorais. Voulle dar unha idea. Se imos tener o grao da Enxeñaría Aeronáutica no campus universitario en Ourense, erixir un aeroporto, ademáis de ser unha porta de acceso para os milleiros de turistas namorados da nosa oferta termalista, serviría para que nosos futuros enxeñeiros aeronáuticos abandoasen as prácticas papirofléxicas que lles agardan.

Non me veña despois, señor Núñez, ca infraestructura que lle propoño, non é competencia da Xunta. Pois, niste senso, vostede ven de prometerlle aos lugueses que terán un AVE dende Ourense ata a cidade da muralla romana e cunha estación intermodal. Supoño, logo, que terá asumido competencias, que ata agora eran do Ministerio de Fomento, Adif, ou Renfe. Non se decataron os nosos entusiasmados veciños, que nós aínda nin temos AVE nin estación intermodal. E por non ter, nin temos un rexional directo dende Ourense ata Lugo.

¡Tanta auga prometida vainos afogar aos ourensáns! Verdadeiramente, ¿somos relutantes a bañarnos? Saiba que eu, alomenos, báñome de cotío por dentro co viño bautizado que me sirven os taberneiros. E por fora, deixo que a pouca chuvia sirva pra que vostede leve a cabo a súa política da loita contra dos incendios, conxuntamnte coa súa mangueiriña de xardín.

É que ten que ser. Un político que non promete é un ninguén en ningures. Agora ben, as enquisas danlle unha nova maioría absoluta. Axiña, non ten por que prometernos nadiña. Somentes lembrarlle o dito de Francisco de Quevedo: "Nadie ofrece tanto como el que no va a cumplir". Ten vostede un bo maestro na Moncloa, un Pinocho que tamén lle medra a taza, e un electorado moi dado a esnifar os cheiros da política estercoleira do cortello.