Vaille parecer a vostedes que non sei porque demontres me deu por xuntar hoxe estas palabras. Pois ten a súa razón de ser. A ver se adiviñan a quen me refiro, porque lle poden quedar ben, e, eu diría que lle son imprescindibles para exercer a súa función. Se reflexionaron un pouquiño, está claro que se trata das persoas que se dedican á política.

A palabra xestión, do latín gerere, gestio (levar, facer, ejecutar, exercer...), fai referencia á acción e á consecuencia de administrar. Administrar, abarca as ideas de gobernar, dispoñer, dirixir, ordenar, organizar? É a asunción de responsabilidades sobre un proceso. Hai moitas clases de xestións. A máis importante para supervivencia dun Estado é a política. A ela témoslle que aplicar o verdadeiro significado de todos os verbos citados.

Por outra banda, a vocación ven das palabras latinas vocare, vocatio (chamar, chamado). É a inclinación natural que unha persoa ten para realizar determinadas accións na vida social.

Estamos a pensar en política. O primeiro que debe ter una persoa política é vocación. Que clase de vocación? Por sentido común ten que ser a de servir ó pobo. Unha inclinación permanente de estar ó servizo do pobo.

Coa vocación teriamos adiantado un bo camiño no campo da política. Con vocación a xestión faise máis doada. Faríase un traballo de xestión decente e honrado. Administraríanse correctamente o recursos e as xenerosas aportacións dos contribuíntes.

Señores políticos!, mediten un pouco no significado destas palabras. Hai moito pesimismo nos cidadáns. Nunca houbo tan pouca vocación e tan mala xestión polo que estamos a ver. Penso que en moitos a inclinación non é de servir ó pobo senón ó partido. Todo o que se fai está pensado para o voto. Así saen as xestións. Os que non teñan verdadeira vocación deberíanse ir dunha vez. Que teñan vergoña e conciencia, e administren con honradez o diñeiro de todos para que ninguén no país o pase mal.

Hai demasiados organismos e políticos para entenderse ben. Díganme vostedes se ten verdadeira vocación, por exemplo, os que lle regalan un posto no Senado ou nas deputacións. Estanos a parecer normal? Así, e ademais, se multiplican organismos innecesarios para entorpecer unha administración eficaz e limpa. Aquí é onde a Constitución tiña que meter as texoiras. Eses serían uns bos recortes progresistas e non outros que nos fan volver para atrás. Convencidos que estas palabras están ben emparelladas? Viron o motivo? Grazas.