As actitudes das que fala Pablo Echenique, que hai que erradicar como as malas herbas, son a prepotencia e a soberbia, e o primeiro que ten que facelo é coleta morada, que vai de rapsoda mesiánico e xa lle deron o merecido nas eleccións catalás (non parece que aprendese), xa daquela escribín que compre revogalo, e que a Galiza non viñese de morado, que é a cor do pendón de Castela. Lémbrame unha visita ao Palacio Real da Praza de Oriente, hai máis de 50 anos, na que amosaban un moi sinxelo dormitorio de Alfonso XIII para as noites nas que se deitaba tarde; a cama estreita, riba do cabeceiro, na parede tiña dous banderíns o morado de Castela e a bandeira de España, no mesmo nivel e do mesmo tamaño. Dá que pensar o de ter a par a España e Castela. Cando entrou a II República puxéronlle o morado á bandeira, o que supón darlle prominencia a Castela, que deixou claro ca brutalidade coa que actuou en Catalunya. Na Galiza a secretaria xeral de Podemos Galiza dixo que o nacionalismo pode ser un fin ou un medio. Suponse que é un medio para gañar votos, do que se agradece a sinceridade; un de Esquerda Unida falou da necidade de procurar un grupo parlamentar galego, o que puxo de manifesto que a necesidade era súa. Esas actitudes non levan a ningures. Como xa fixen outras veces, diríxome ao Monarca, lembrándolle que os reinos da monarquía española aparecen de cotío en moitos escritos; a Monarquía Parlamentar do Reino de España (que é o nome co que aparece nos organismos internacionais; o de Estado Español, sona mal e en México enténdese ao revés, chaman Nación ao que chamamos Estado e viceversa) é moito menos centralista ca II República, e ten que propoñer mudar a Constitución, para que recolla a plurinacionalidade do Reino, sería un xesto que daría utilidade ao anacronismo monárquico. Por suposto que hai moitas outras actitudes positivas a dar pulo.