Entre a decepción, o abatemento e a incomprensión, ese é o cóctel de sentimentos que me embargan dende a noite do domingo 26 de xuño. É incomprensible a perda dunha oportunidade histórica para ter en España un goberno de esquerdas e progresista máis aló da socialdemocracia neoliberal do PSOE e adláteres europeos. Volvemos a ver que, a pesares das protestas cidadás polos recortes e o sentimento de estar permanentemente estafados, volven a gañar os mesmos ¡é incomprensible! ¿Que pasou? Eu só podo achegar o meu punto de vista. A culpa non a ter o sr. Iglesias, como repiten unha e outra vez dende o PSOE, pero o sr. Sánchez tampouco é o problema. Puideron achegarse entre eles, chegar a un acordo e evitar estas segundas eleccións mandando ao PP á oposición, pero non foi así. Dende o meu punto de vista, pode que o sr. Iglesias pecara de soberbio, pero o principal problema para chegar a acordos foron certos vellos socialistas, hoxe aburguesados, que preferiron un acordo con Ciudadanos que co sr. Iglesias, a pesar de que a aritmética non xogaba a favor. Opinaban os aburguesados que o sr. Iglesias pedía demasiados sillóns, a Vicepresidencia e o CNI; o sr. Felipe González pode estar tranquilo, agora a totalidade dos ministerios, a Vicepresidencia e o CNI están en mans do PP, lonxe de "o da coleta" e en mans dos que con toda seguridade son máis cercanos ideoloxicamente unha vez aburguesado e convertido en asesor. Foi unha campaña bronca, pero non contra o PP, senón contra a coalición liderada por Iglesias, e xurdiron os argumentos que xa cheiran a rancio: Venezuela e Grecia, usando da mentira e distorsionando a verdade. Ambos países non teñen os seus problemas nos seus dirixentes, senón na constante presión dos poderes económicos financieiros-especulativos contra un pobo que apostou por gobernos que pensan na xente, e non nos intereses económicos transnacionais. O PP usou o argumento do medo: ou Mariano ou o caos. Eles eran os moderados e o resto eran prácticamente uns terroristas. Eles "evitaran o rescate", unha mentira, xa que en realidade saquearan o fondo de pensións para automercar débeda nacional e baixar de xeito artificial a prima de risco. Se votamos a esta xente, en troques de botalos, logo non podemos protestar, ¡celebremos con algarabía os recortes, e os novos Gürtel, Púnica, etc. que nos agardan! A súa xestión foi "premiada", pois aturémolos catro anos máis.