Se miramos o calendario parece que aínda queda moito para que podamos gozar desta marabillosa illa pertencente ao único Parque Nacional galego, pero non, en pouco comezarán a visitar Ons numerosas excursións de escolares de toda Galicia, persoas da terceira idade, asociacións,?, e para todos estes visitantes a dirección do Parque debería ter todo preparado.

Polo xeral, a organización destas excursións a levan a cabo as navieiras que, despois de mandar aos colexios e demais colectivos as súas propostas de viaxe, poñen a disposición deles aos seus respectivos guías que previamente foron formados polos técnicos de Parques.

Ons ofrece un bo número de atractivos naturais, históricos e etnográficos que podemos observar e escoitar da boca do guía cun pequeno recorrido pola Illa. Pero nunha viaxe non podemos abarcar todo o que ofrece Ons, por iso é importantísimo que o Centro de Visitantes estea aberto e en condicións para o seu uso.

Tamén, como xa dixemos noutras ocasións, este Centro pode ser dunha magnífica axuda para persoas con dificultades de mobilidade. Estes visitantes, que quizais non poden desprazarse con facilidade como os demais compañeiros, poderían esperar neste Centro e despois de visitalo con axuda dun guía, que debería ter Parques en Ons, sentarse tranquilamente na sala de proxección e despois de ver o vídeo xeral promocional, que Parques dispoña doutros vídeos que toquen aspectos xerais de Ons. Un exemplo podería ser o iBooks que realizou o equipo do CSIC comandado por Paula Ballesteros, "Ons unha illa habitada", que conxuga todas as disciplinas que ofrece esta Illa.

Esperemos tamén que a nova Directora Xeral de Conservación da Natureza, poña as pilas, como vulgarmente se di, á dirección do Parque para que ese Centro poda abrirse sempre que haxa algunha visita antes do verán e que, durante os meses de xullo a setembro estea aberto o máis tempo posible, que para iso se montou cun alto custo económico. Un horario normal de verán sería de 11 a 13 horas e de 16 a 19 horas.

Todos os anos, tanto eu a xeito particular ou dende a Asociación Cultural PineirÓns, enviamos á Consellería as nosas suxestións sobre todo aquilo que, dende o noso punto de vista, debería mellorarse en Ons. Xa vimos de rematar as do ano 2015, que enviaremos axiña, e estamos a preparar un informe sobre a historia, uso e mellora deste Centro de Visitantes.

Entre o que propoñemos está o buscar unha fórmula para cubrir o patio grande de fóra (antigo patio de recreo da escola) para a realización de actividades, tanto para escolares como calquera outra que haxa que facer ao aire libre. Esta carpa podería servir de refuxio aos excursionistas en caso de choiva e nel poder comer e guarecerse.