A OMS adoita guiarnos na mesura, na dose, no consello, non no aviso nin na alerta, non na alarma e cando así o fixo as consecuencias foron como ela mesma, mundiais -na lembranza a gripe aviar-. É posible que a económica sexa a proba acaída para coñecer se unha medida sanitaria é atinada e prudente, e este test, á súa vez nos devolva unha reflexión do que debe ser a saúde. Verdadeiramente non poden andar arredados saúde individual e economía, a primeira repercute na segunda e esta naquela. De igual xeito dicir que a carne roxa "probablemente" estea tras o cancro cáseque hai que tomalo coa mesma cautela que unha difícil ecuación.

Verbo do cancro a experiencia allea pero achegada, obríganos a pensar na dureza dos tratamentos que son os que nalgúns casos fan visibles a doenza, síntomas en realidade efectos secundarios derivados da quimioterapia ou radioterapia, os cales debemos asumir se queremos vivir.

É obvio que unha sociedade doente non ten esperanza, a menos que asuman as partes -individuo e estado- cadansúa responsabilidade nos procesos patolóxicos e actuemos por nós mesmos, a dieta equilibrada, hábitos hixiénicos, exercicio, ar libre, aberto.

A prevención debe comezar na persoa, interiorizar unha conciencia nova, dona da propia sandación.