Despois do desastre do Prestige que bautizou ao Parque de loito, a administración comezou a traballar dun xeito programado nas illas do Parque. Dende ese preciso momento, eu, e tamén dende a Asociación PineirÓns, vimos a necesidade de que o Parque contase cun Técnico Cultural cuxa misión sería facer un estudo, o máis completo posible, das necesidades culturais de cada Illa segundo as súas características. Buscar toda a bibliografía existente e, na medida do posible, expoñela non diferentes Centros de Visitantes para a súa lectura ou investigación. Contactar cos veciños (neste caso de Ons como única illa habitada) para coñecer as súas necesidades, sobre todo en infraestruturas pola situación familiar. Facer un estudo das vivendas e edificacións anexas observando aqueles detalles que poden ser arranxados para conseguir esa típica arquitectura mariñeira que tivo ata os anos sesenta do pasado século XX ou para evitar impactos visuais graves. Coordinar aos distintos investigadores e facilitarlle toda a documentación que necesiten, así como, no caso concreto de Ons, facilitar o contacto cos veciños... E un longo etcétera.

Nestes intres e como xa pasou hai tres anos, a Consellería saca unhas axudas para os municipios do radio de acción do Parque. Ons, como illa habitada, podería aproveitarse destas axudas e os seus habitantes arranxar todo aquilo que non está en acorde co Parque. Sería importante que pediran subvención para arranxos de tellado. Para poñer tella. Forrar de pedra as edificacións anexas. Mellorar a infraestrutura interna (cabreado, tubarias...). Arranxar e poñer en valor, as casas que aínda os teñan, os antigos fornos, as lareiras,... Restaurar os piornos. Buscar o xeito de tapar os depósitos de auga que causan un importante impacto visual nas edificacións... En definitiva, facer o posible para que as casas volvan a aquela Arquitectura Popular Mariñeira que disfrutaban ata 1965.

Ese técnico cultural sería o encargado de facilitar información aos veciños e axudalos a cumprimentar a documentación necesaria. Pero, por desgraza, a Parques non se lle ocorreu contratar unha persoa que tanto podería facer polo bo funcionamento do Parque, en especial, para unha boa relación veciños-administración.

Para substituír a este técnico, refírome neste caso concreto a Ons e para esta subvención, o Concello de Bueu debería reunir aos veciños, como fixo co caso do IBI, e explicarlles o tema das subvencións, e todos aqueles que queiran beneficiarse dela, que terían que ser moitos, poñer a súa disposición un funcionario para axudarlles a tramitala.

Así é como o pobo, que non entende de macropolíticas, ve como o grupo de goberno, ao que votou maioritariamente, se preocupa por eles. Cousa que non fan nin a Consellería de Medio Ambiente nin Parques.