O PP di arestora que non é momento de propor no programa electoral, a reforma da Constitución, cando hai quen promove unha secesión e poida darlle alas (esta posición actual pode deberse á presión de xentes moi á dereita). Mais é de esperar, e sería desexable, que estean a preparar xa un texto que facilitase un proceso constituínte na próxima lexislatura; e como para iso é preciso contar con 2/3 dos deputados, disolver as Cortes e un referendo, faríano coincidir co final da lexislatura e as eleccións seguintes. Na súa lóxica a proposta debería vir despois das eleccións catalás, para non alentar ás opcións independentistas e tamén axudar a paliar a frustración de moitos cataláns, xa que non é previsible que as candidaturas independentistas teñan maioría. Por suposto que o PSOE é preciso para sumar os 2/3; tamén as demais formacións políticas e sociais, deberían participar na redacción final do texto.

Esta estratexia daríalle mais votos ao PP e PSOE, que son os potencialmente capaces de sumar os 2/3; non así o esperpento de presentar no Congreso dos Deputados unha reforma do TC, disparatada e innecesaria, mesmo presentada á opinión pública cun voceiro que non é deputado e si é candidato a Generalitat de Catalunya.

Polo que respecta a Galiza, se a xente de Podemos non se incorpora nunha candidatura de Galiza en Común, escusan presentarse as eleccións xerais na Galiza, xa que os centos de votos que lle roubará, non lle servirán para nada.