Din as noticias que o novo DNI electrónico chegará a Vigo tres meses máis tarde do que o fará á boa vila. E por que razón? Pois, por cal vai ser, pola de sempre, que Pontevedra é a capital e Vigo a sucursal.

¡Manda carallo na Habana! Pero, señores míos, que xa non estamos no século XIX. Como se pode permitir que á primeira cidade de Galicia se lle dea este trato, ninguneada e aldraxada do xeito máis impune? Ou acaso era tan difícil facer coincidir as datas en ámbalas dúas cidades sen ter que asistir a este espectáculo gratuito e noxento?

Señor Caballero, alcalde de Vigo, diríxome a vostede como máxima autoridade da cidade para que unha vez máis eleve o tono e dígalle ós catro ventos que os vigueses estamos fartos e non soportamos por máis tempo que se fagan cousas semellantes.

É necesario un plan automático de reacción diante destes atropellos e non dar a calada por resposta, aínda que nos parezan feitos de menor cuantía, e poñer en valor a nosa autoestima xa que empézase por pouco e, como calan?, pois así nos vai.

Hai que dicirlle ó Sr. Feijóo que aínda estamos a esperar as xestións necesarias para que Vigo acade o Estatuto de Capitalidade, tantas veces prometido -e ó noso alcalde a obriga de lembarllo-, que lle pertence por, entre outras razóns, ser a primeira cidade de Galicia dende o punto de vista poblacional, ser un dos motores máis importantes do desenvolvemento económico do noso país, ser un referente galego en eidos tan importantes coma a pesca, coa sede do máximo organismo europeo, na automoción, no turismo, etc., e porque Vigo é un caso único en España onde unha cidade triplica en número de cidadáns a súa capital de provincia.

Porque dunha vez por todas estamos cansos de ter que pedir por todo o que a outros dáselles "de oficio". Como di o refrán "o que non chora non mama" e aquí hai moitos que chupan da teta sen botar unha lágrima, mentras que outros non maman aínda que boten ríos delas.