No Reino de España pásase fame.

Non é unha afirmación da conxunción republicano-separatista-antisistema. Organizacións como Cáritas e Save the Children denuncian que case tres millóns de nenos pasan fame mentres Soledad Becerril (militante do PP) pide abrir os comedores escolares no verán para paliar esta situación. E ninguén dubida que cando unha nena ou un neno pase fame, seus pais pasan sen comer.

Mentres se constata esta realidade, a vicepresidenta do Goberno, Soraya Sáenz de Santamaría, ve máis alegría polas rúas e anuncia, sacando peito, que devolverá de inmediato 1.300 millóns de euros do rescate bancario (rescate que seica non existiu...), anticipándose en oito anos aos prazos comprometidos. Olé para as decisións testiculares!

Por si alguén tiña dúbidas de para quen goberna esta tropa, onde sitúa as prioridades, ten nestes datos e actitudes materia para reflexionar.

Preto do 34% da poboación infantil do Estado español vive na pobreza. E as cifras seguirán a aumentar, xa que a protección por desemprego de millóns de parados rematará en breve, sen que exista unha actividade económica capaz de absorber os empregos destruidos pola política que practican, por delegación-imposición dos poderes económicos, os nosos alegres gobernantes, e sen que, ante a gravidade duns datos incontestables, muden a súa demoledora práctica de destrución de dereitos e coberturas sociais para poder poñer fin á catástrofe humana que estamos a padecer.

Por outra parte, o PP en Galicia, ante a proposta de abrir os comedores, afirma que a medida poder ser estigmatizante. Non lle falta razón. Só que os estigmatizados non son os nenos ou nenas que teñan que acollerse a tal medida. O estigma de permitir que nenos e nenas pasen fame, que lles rouben a alegría, a infancia, os soños e o futuro, quedará gravado a perpetuidade como baldón na historia do Partido Popular. Volve a fama dos tempos de guerra. Dunha guerra de clases que de momento van gañando os poderosos. Dunha guerra de clases que os perdedores de hoxe temos que reconducir e gañar para devolver as infancias roubadas e a esperanza dun mundo mellor.

Só entón, cando recuperemos os soños, cando se lles devolvan a nenos e nenas as infancias e as risas roubadas, cando estean rendidas contas pola dor producida e castigados os culpables, volverá a festa ás rúas. Rúas das que estarán desterrados os que hoxe ven alegría onde só hai sufrimento.

Mentres tanto, toca mobilización.