O vindeiro 21 do mes que andamos, cúmprense 14 anos do pasamento de Fernando Pereira.

Os amigos e amigas témolo presente a cotío, pero a data de referencia, xúnguenos co fervor da amizade. Ben sei, que dos alcaldes mortos nos se saca rendibilidade, pero deste, que o foi durante dezaseis anos en Soutomaior, extraemos a bonhomía, o agarimo pola súa terra, o aprecio sen diferenzas polos veciños e veciñas, a honradez con maiúsculas, e unha xestión atinada e con sensibilidade.

Pereira foi un alcalde conciliador e de altura na transición, o primeiro elixido da actual democracia, e galeguista confeso, o que resultaba chocante neste pequeno concello rural e mariñeiro. As xornadas de lecer bebían da fonte da cultura, e por estas terras de "Madruga" pasaron grandes personaxes do mundo do teatro e das artes en xeral. Amosaba Pereira unha grande educación, e seu coñecemento e amor pola nosa lingua, atoparon un idioma de primeira e sen complexos na institución local. Como froito do seu empeño en normalizar as comunicacións na lingua que o acompañou toda a súa vida, recibiu premios e importantes recoñecementos a nivel persoal.

Méndez Ferrín, diante do seu cadaleito, falou: "Fernando Pereira, habendo sido alcalde moitos anos, morreu na máis limpa das pobrezas". Certo é, se á pobreza económica nos referimos. Certo tamén, que viviu con extraordinaria limpeza e humildade, se comparamos como viven a maioría dos alcaldes hoxe en día e dos innumerables casos de corrupción. Como persoa íntegra, non admitía "dádivas" de ninguén, pero si aceptaba de boa gana compartir un festexo, unha leria ou un albariño da contorna; era seu xeito de fomentar as relacións coa veciñanza, a súa comunicación co pobo en vivo e en directo.

Era frecuente atopalo polos camiños, e coñecía as congostras e mananciais como as beiras do Verduxo. Gustaba de conversar con quen atopara, e observaba con detemento os traballos cotiás nas hortas e viñas. Non houbo veciño-a falecido, que non fora honrado nas exequias, coa presenza do alcalde Pereira, e sendo agnóstico, que non ateo, respectou a actividade das igrexas parroquiais, onde acudía ás celebracións e procesións en actitude solidaria co sentir dos devotos. Os que o coñecemos, sabemos da xenerosidade do rexedor das patillas de prata. O que amou Soutomaior. O que aloumiñou disimuladamente A Peneda e San Caetano...

A historia local ten reservadas para o Alcalde Fernando Pereira Caamaño, letras de ouro.

A Asociación "Amigos do País", que el iniciou, resucitará algún día. Mentres, os amigos e amigas que compartimos aquel proxecto, recordámolo con agarimo e lealdade.