Case todas as canles de televisión e case todas as emisoras de radio teñen espazos de debate dentro da súa programación. Os mesmos. Sempre son os mesmos. Uns, nun lado. E os outros, no outro. Cando non comparten mesa e mantel. Todos falan da verdade. Da súa verdade. E da mentira do que se senta en fronte. Todos están acertados e todos trabucados. Segundo quen mire. Ou escoite. E todo non deixa de ser máis que outra parafernalia máis deste país cada vez máis cutre, ridículo e ruín. E insisto no máis. Dende o aspecto máis e máis pexorativo. Profesores de universidade, catedráticos, políticos, directores de xornais, xefes de redacción, de opinión, profesionais dun e outro pacer, ou sexa, xente con seguro e nómina a fin de mes e que se gaban de saber das certezas do día a día dos demais. Das necesidades reais que preocupan e amolan ao veciño de a pé.

Cando o veciño de a pé do que eles falan vive ao outro lado do lado de alén da súa acicalada rúa. E así un día si e outro tamén. Esperpéntico. Falta carne. Falta verdade. Falta o golpe na mesa. E o cachete certeiro. Falta realidade. E sobra toda esa estupidez de quen se sabe seguro e protexido. Fáltanme as malas maneiras de quen sabe o que é a dor. Fáltame o mirar á cara e o sinalar co dedo de quen se sabe vítima de toda esta patraña de país. Non hai ningún programa decente. Ningún. Ningún que estea disposto a dar voz e pór rostro aos que sofren.

Non hai ningún que se atreva a sentar na mesma mesa aos culpables, que os coñecemos, fronte aos que pagan. Pagamos. Que somos moitos. E ninguén, a pesar dalgúns que aparentan, mais só se quedan niso, foi quen aínda de abrir as súas portas aos que levan consigo outras verdades. Todos seguen sendo cotos cerrados. Ao final, eses faladoiros, non semellan ser máis que un reflexo palpable das rapinas que habitan este país. Manuel Iglesias Nanín

O Carballiño