Dende que teño uso de razón sempre sentín admiración pola terra onde nacín e onde actualmente vivo, Camos. Non só por ser un sitio tranquilo e fermoso, tamén pola súa xente, persoas afables e solidarias que non dubidaban en colaborar unhas cás outras nas tarefas do campo, na construción dunha casa, ou en calquera outra laboura ou reivindicación para a parroquia. Atrás quedan aquelas mobilizacións cás que se consegue sacar o basureiro municipal do noso monte; ou cando se plantaron as verzas nos baches da estrada que sube a San Roque, en sinal de protesta polo seu lamentable estado; ou tamén, cando dende o Concello pretendían deixarnos sen monte e sen auga aos veciños de Camos e Chandebrito, co proxecto elitista dun campo de golf. En todos eses casos estivemos nos, os veciños e as nosas organizacións veciñais, e sobre todo, a Comunidade de Montes de Camos, defendendo os nosos dereitos tan ninguneados sempre dende as instancias municipais.

Pero coido que esa forma colectiva de actuar mudou, e refírome, concretamente, a Comunidade de Montes anteriormente citada. Duns anos para aca, dende que a preside un empresario madeireiro, algo eticamente censurable e paradóxico, deixou de ser a mesma. A mala xestión dos recursos do monte, a inexistencia de proxectos para o seu mellor aproveitamento , o estado de degradación e abandono, e especialmente, neste intre de desacougo socioeconómico que estamos vivindo, non ter contemplado ningún plan de xeración de emprego vinculado a súa explotación, paréceme lamentable. Aínda que sen dúbida, o máis reprobable, é a forma como o actual presidente da Comunidade dispón dos asuntos da mesma, con total arrogancia e despotismo. Desprezando aos que non comulgamos con esas maneiras caciquís que profesa, baseadas no seu poder económico.

Por todo isto, fago dende aquí un chamamento a dignidade de cada comuneiro, para que acuda as asembleas, e así mesmo, esixa que se cumpran os preceptos estatutarios que rexen a Comunidade e que non se deixen avasalar nin subornar polos que ostentan o poder de forma ditatorial e antidemocrática. En fin, que participen, cós dereitos e deberes que lles otorga a súa condición de comuneiros, para que sexamos de novo unha Comunidade respetable e respetuosa, que procure en esencia a conservación e xestión dese gran espazo natural que é o noso monte, e contribuía a mellora da entidade parroquial que nos une e define o noso ADN cidadán, Camos.