Tíñalles eu un tío (Q.E.P.D.) con certa tendencia anticlerical no seu pensamento. Dicía el que os curas eran moi amigos do "..venga a nós tu reino..." E remarcaba o "...venga a nós..." Quen me coñece sabe de abondo que eu non comparto aquelas opinións, pero hoxe acáeseme moi ben esa expresión para o que quero escribir.

Resulta que o Concello de Vigo acaba de prohibir os circos cos animais. Noraboa. Éralles mesmo a maior preocupación de tódolos vigueses. En Vigo non hai paro, hai vivenda digna para todos e xa podemos empezar a pensar no benestar de elefantes, tigres e canciños. Disque é polas molestias que causan, pola suciedade... Non o crean. Iso non lles é así. As razóns son outras.

Os nosos gobernantes (destes e doutros tempos) son e foron sempre amigos dos monopolios. No Campo de Granada hai tempo que ten instalación permanente un circo con animaliños ben chuscos. Andan ós pinchacarneiros, parece que rin, ás veces case semella que queren chorar e chegan a arrepoñerse se outro bichiño do circo lles arregaña os dentes. Só lles falta falar... (ó mellor, ata falan demasiado). Con semellante panorama, ¿pensan vostedes que se podería permitir a competencia e que se instalase na cidade outro circo? Como dicía meu tío: "...venga a nós..." Pero na Praza da Súa Maxestade acrecentaron algunhas palabriñas: "...venga a nós e soio a nós..."

Ó final, aqueles a quen non quixeron os ricos e poderosos teñen que buscar refuxio onde sempre os han acoller. Non esquezamos que con San Roque vai sempre un canciño; San Xulián leva un paxariño na man; o patrono dos animais é San Antonio€ e San Francisco de Asís ten ó seu carón ó lobo de Gubbio, o irmán lobo.