No FARO do 24 de xaneiro contan do proceso xudicial ao que está exposta unha nai preocupada porque o seu fillo sexa educado ao seu ritmo.

É difícil cambiar o chip e recoñecer que, desde que nacemos, o pulo vital para medrarmos sae de nós. A pediatría afortunadamente preocúpase porque aos cativos non se lles poña en andadores para aprenderen a andar. Algúns andan con 9 meses, outros con 15 meses, mais insisten nos centros de saúde: non hai que apresuralos. O problema de se andan antes ou despois, en todo caso, é dos seus pais e nais se queren ser competitivos e gabarse de "o meu fillo andou antes ca o de ninguén". Non deixa de ser un problema da sociedade que temos, mais para os bebés o importante, realmente, é comezar a andar cando están maduros para o facer, cando chega o seu tempo, nin antes, nin despois.

Coa educación aínda temos unha materia pendente. A innovación educativa vai chegando tan amodo que, aínda que os pedagogos levan anos investigando sobre o desenvolvemento dos cativos e cativas, malia sabermos que o máis importante é non matar a creatividade e respectar os ritmos de aprendizaxe, aínda non atopamos nos centros escolares en Galicia proxectos educativos de centro que eduquen conforme a estas investigacións.

A alternativa ao ensino tradicional de "decidimos por ti o que debes aprender en cada momento", de momento, é saírse fóra do sistema educativo, desescolarizar, como fixo esta nai e, o que é peor, neste caso, ser criminalizada por facelo.

Porque realmente necesitamos unha renovación educativa, fago un chamamento a que todas aquelas persoas preocupadas pola innovación educativa consigan que esta se produza na escola pública e, pola situación xudicial na que esta muller de Vigo se atopa, por favor, que a xustiza e a lei saiban discernir o que é abandono do que non o é.