Síguenos en redes sociales:

O Sinsal abre as súas portas e aposta polo deporte náutico unha edición máis

Os festivaleiros poden practicar pedal surf previa compra dos tickets na web do certame musical

O Sinsal abre as súas portas e aposta polo deporte náutico unha edición máis

Sinsal SON Estrella Galicia reúnese co seu público un ano máis na Illa de San Simón en Redondela. Dende hoxe e ata o domingo, un total de 26 bandas e solistas ofrecerán a súa música. Unha vez máis a cita ofrecerá a posibilidade de practicar deporte náutico 100% sostible co pedal surf.

Con el, os sinsaleiros poderán percorrer o perímetro da illa desde a auga en seis rutas cunha duración de media hora. Para participar nesta actividade é necesario adquirir, previamente, os tickets a través do espazo web do festival.

Durante esta fin de semana, polos catro escenarios que estarán espallados por San Simón e Santo Antón pasarán 26 bandas e solistas procedentes de 18 países diferentes, das cales 16 actuarán por vez primeira en Galicia e para 9 será a súa estrea en España. Mentres que a illa de San Simón acollerá a meirande parte dos directos, en Santo Antón terán lugar as propostas máis íntimas e reducidas: por unha banda, haberá un escenario con cadeiras e de capacidade limitada no que actuarán tres mulleres -unha cada día- procedentes de Reino Unido, Xapón e Corea do Sur, respectivamente; e con outro espazo no que tanto na tarde do sábado 22 coma na do domingo 23 sucederanse, en pases de 15 minutos, repertorios de compositores clásicos.

En paralelo á programación musical, no Sinsal SON Estrella Galicia sucederanse as actividades divulgativas vinculadas tanto á creación artística como ao coñecemento do patrimonio natural, cultural e histórico de San Simón. Unha exposición sobre a casete, talleres con materiais reutilizados, paseos guiados en grupo, gravacións en directo cun fonógrafo do s. XIX, rutas náuticas 100% sostibles para percorrer o perímetro do arquipélago ou unha viaxe tanto ao pasado coma ao futuro da música son algunhas das propostas que tanto asistentes coma artistas poderán gozar durante esta fin de semana.

O cartel, por suposto, é un segredo que comezará a desvelarse esta tarde cando cheguen os primeiros festivaleiros que saian ás 15.30 horas dende o peirao de Vigo.

Pulsa para ver más contenido para ti