Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Óscar Ibáñez presenta "Alén do mar" en Ourense

A Real Banda de Gaitas e as corais Queixumes dos Pinos e De Ruada, entre outros convidados, acompañan mañán ao gaiteiro pontevedrés e o seu grupo

O gaiteiro pontevedrés Óscar Ibáñez. // Merchy Gómez

O Teatro Principal de Ourense acolle mañán sábado (Hora: 20.30) o concerto de presentación de "Alén do mar", primeiro traballo discográfico do gaiteiro pontevedrés, Óscar Ibáñez. Para a ocasión, Ibañéz estará acompañado pola Real Banda de Gaitas, as corais De Ruada e Queixume dos Pinos, e outros artistas coma Emilio Rúa, Marco Foxo, José L. Tienas & Óscar López e Elena Marina & Nelson de Castro.

Dada a súa estreita relación con Ourense, Ibáñez creou un espectáculo moi coidado e único para a cita na cidade das Burgas, no que durante 2 horas aproximadamente combinará os temas do seu álbum con algúns dos clásicos tradicionais ourensáns máis representativos, como o Gaiteiro de Ventosela, Faustino Santalices, Os Trintas de Trives ou O Quinteto Monterrey.

"Alén do Mar" é un traballo discográfico no que, inspirado no poema "O fillo de Celt" do poeta cambadés Ramón Cabanillas e nas músicas de "ida e volta", Ibáñez realiza unha viaxe sonora polo Atlántico chea de orixinalidade, imaxinación e creatividade, a través dunha magnífica selección de melodías galegas e latinoamericanas enriquecidas con elementos propios da música celta.

A carreira de Óscar Ibáñez tivo os seus comezos no seo de distintos grupos de música tradicional cos que percorreu toda Europa, na docencia en máis de 10 países de Europa e América a través da Secretaría Xeral da Emigración da Xunta de Galicia e na súa participación nos concursos de gaita galega de maior prestixio, nos que acadou máis de 40 premios.

Parellamente a unha ampla formación académica participou en máis de 20 discos de música tradicional, publicou os libros-cd "Os Montes de Lugo. Ensaios e concursos" (Ouvirmos, 2007), "O Quinteto Monterrey de José Posada. Nos xardíns da Tropical" (Dos Acordes, 2009) e "Xoán Tilve Castro Gaiteiro de Campañó.

Tamén interviu en gravacións históricas de "Xosé Filgueira Valverde" (aCentral Folque, 2015) e dirixiu a produción de diferentes espectáculos en Galicia e Cantabria. Dende 2004 traballa no Arquivo Sonoro do Servizo de Patrimonio Documental e Bibliográfico da Deputación de Pontevedra e imparte clases en diferentes escolas de música tradicional.

Coa súa banda de directo Óscar Ibáñez e Tribo, formada polos músicos de longa e recoñecida traxectoria Fernando Fraga, acordeón, Harry Price, violín, Carlos Calviño, guitarras, Paco Dicenta, baixo, e Andrés Vilán, percusión e batería, vén de actuar por toda a Península Ibérica, Francia e Italia nalgúns dos máis importantes festivais coma o Festival Intercéltico de Lorient (Bretaña), o Festival Capodanno Céltico (Milán), ou Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira, entre outros.

Compartir el artículo

stats