Unha das maiores industrias do sur de Galicia está de noraboa. Despois dun 2023 no que se bateron récords de visitantes e facturación, a Gala Provincial do Turismo organizada pola Deputación de Pontevedra homenaxeou onte a 182 entidades do sector que renovaron ou adquiriron o distintivo de “Compromiso de Calidade Turística” do Sicted.

O presidente do ente provincial, Luis López Diéguez, definiu como “a industria da felicidade” a un sector definido polo seu impacto económico e social. Á súa vez, destacou que as Rías Baixas son unha “potencia de primeiro nivel” polos seus servizos e a súa sustentabilidade; prometendo ademais un Plan Estratéxico para o que se convocarán as mesas de traballo a finais de mes para a súa redacción e que contará co obxectivo de “sumar todas as ideas e visións para que sexa o plan de todos”.