No seu “Territorio de Artista”, situado nun local en Porriño, comparten espazo desde as primeiras obras do adolescente que iniciaba o seu camiño expresivo no mundo da arte, empregando nunha ocasión leña de cerdeira cortada polo seu avó e reutilizada por el para facer unha escultura, ata as últimas pezas pictóricas preparadas para a súa próxima exposición en Helsinqui.

A relación de Xosé Luís Otero co seu actual taller-estudo conta a historia dun artista multidisciplinar: “Unha historia que comezou hai uns dez anos pola necesidade de empregar outros materiais e outras formas para expresarme. Algo que vai xurdindo dentro de ti e que non controlas. A necesidade de maiores espazos para a creación, almacenamento de obras e materiais. É outro proceso artístico. Así que este é o meu novo estudo, antes tiña outros, non é o único lugar que teño neste momento. Teño unha gran nave onde fago estruturas para instalacións e grandes esculturas”, comenta.