Xa está na rúa o novo disco da familia María Fumaça, "O veleiro verde". Un traballo cargado de enerxía que edita Galaxia e que incorpora novos ritmos e temáticas para reflectir a evolución de Ruí, o protagonista, xa metido na adolescencia con gustos e preocupacións mudados pero coas mesmas gañas de cambiar o mundo a prol da inclusión, da igualdade e do dereito a medrar nun planeta vivo, verde e con futuro.

Rap, rock ou funk entran de cheo nos temas que manteñen a esencia tradicional neste novo traballo dirixido por Sérgio Tannus e ilustrado por Pablo Pastor, gravado por Isaac Palacín, e con colaboracións de luxo como a do actor Carlos Blanco, a do cantante de O Sonoro Maxín, Ico, ou a do rapeiro A.K.A. Moreno.

Moitos dos temas orixinais son de Chus Domínguez, a nai de Rui, mentres que o guionista Alfonso Pato, director do Festival de Cans, se estrea como letrista no universo María Fumaça. A cantante Uxía, madriña de Ruí e impulsora do proxecto, dalle o título ao libro-disco cunha canción adicada ao "Rainbow Warrior", o emblemático barco de Greenpeace.