O encontro do xoves á noite nos Multicines Norte de Vigo co cineasta galego Óliver Laxe, director de "O que arde" -a película en galego que está arrasar nos cinemas, estivo no top ten das máis vistas en España o xoves-; o actor Amador Arias e a produtora do filme, Andrea Vázquez, cos seus espectadores non defraudou. Coa sala ateigada pola audiencia, Laxe deixou claro que "as películas tocan teclas misteriosas".

E esa música sonou coa melodía dos parabéns ó equipo que deron os asistentes á sala viguesa. Unha muller de 59 anos de idade relataba entre as butacas que "por primeira vez na miña vida puiden ver unha película que trata do meu mundo", o rural galego, para despois destaca-lo momento máxico de visionar en gran pantalla "unha vaca amarela mentras sona a música de Leonard Cohen". Ben sabemos por Manuel Rivas que a vaca é o tótem galego. Para ela, ver "O que arde" foi "unha experiencia espectacular".

Para Laxe, estaba claro que o que quería era "conectar" coa súa "esencia", coa vida dos seus avós na Fonsagrada (Lugo) para tratar temas locais de carácter universal xa que público mesmo de Rusia ou Alemania lle ten confesado que a protagonista feminina, Benedicta, unha muller de máis de 80 anos, lle lembraba á súa avoa.

Falar da película "O que arde" implica tratar como protagonista á natureza, como indicaron outros asistentes. E cando se fala de natureza en Galicia, é mester citar o eucalipto. De que sofren os eucaliptos?, se preguntaba un home maior en alto a colación da escena con parrafada entre Benedicta e Amador na película sobre estas árbores.

Amador, en persoa e que contaba co apoio dalgunhas familiares, entre elas a presidenta da Deputación, Carmela Silva, a súa curmá, daba a razón: "Son árbores autóctonas dalgures (...) De que sofren? De explotación xenética, de que os planten en masa e non cheguen a maiores; morren de nenos. Poden vivir 800 anos e chegar ós 150 metros (de altura) e cando son bebés xa os esmagamos para papel... Si que sofren".

Os aplausos xurdiron na sala para despois tratar o tema dos incendios ó admitir o cineasta galego que "Medio Rural (a Consellería) tiña medo cando se enteiraron de que iamos" tratañlo tema dos lumes. "Pensaban que ía ser un panfleto e non o foi. Ó principio, había desconfianza pero despois portáronse ben".