Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

NO FONDO DOS ESPELLOS

Rudimentos de Historia Galega e Portuguesa (Fin)

Termina aquí a ollada que fomos lanzando ao Fondo dos Espellos da nosa Historia por darmos unha visita ás orixes comúns de Galicia e Portugal

Os Reis Católicos, Fernando e Isabel.

Morre o primeiro rei de Portugal, Afonso I Henriques, e aquela nación continúa unha existencia independente na Península Ibérica e mesmo se converte nun imperio intercontinental no Renacemento. Xurdido ao abeiro da Gallaecia,a medida en que os séculos van transcurrindo desde a morte de Afonso Henriques, en 1185, Portugal conquista, pois, case toda a franxa Oeste da Península para despois expanderse por África, América, Asia e Oceanía. Nós fomos ficando sós.

Paralelamente ao "esplendor de Portugal", que ninguén pode negar no seu san xuízo, a patria orixinal que chamamos Gallaecia ou Galiza ou Galicia veuse empequecida e asoballada polo dominio castelán. Mentres as partes meridionais do reino de Portugal se van dilatando até o Algarve na Idade Media, e despois polo mundo enteiro, a nosa Galicia, aquela que se envolve "en sabas de mil anos", vai arrastrando unha existencia mortiza e inferiorizada. É corrente, na interpretación nacionalista galega da Historia decer que os Reis Católicos fixeron desaparecer todo vestixio de independencia galega en canto Portugal se afortalaba como imperio. Hoxe sábese que Galicia non perdeu completamente o seu goberno propio na Idade Moderna. Seguiu funcionando unha Xunta a administrar o Reino de Galicia, o cal estaba dotado de recursos, de empregados, e mesmo de forzas armadas e mariña de guerra.

Pero, en 1833, o Parlamento español decidiu, baixo a dirección de Javier de Burgos, suprimir o Reino de Galicia creando catro provincias a imitación do centralismo da Revolución Francesa. Os liberais españois desmontaron a Xunta e o reino de Galicia. A partir e entón non lle resultou doado á posteridade desfacerse daquelas catro provincias. Foi entón cando naceu o chamado "provincialismo" que fixo famosos os nosos revolucionarios pola súa orixinalidade: eles aceptaban os principios xacobinos pero negábanse á disolución de Galicia como territorio e suxeito colectivo democrático-popular. Por iso os nosos patriotas revolucionarios, non se fixeron carlistas como moitos vascos e cataláns, senón que se decidiron por unir o alento revolucionario co fogo patriótico. Isto é, converter o reino de Galicia nun único territorio, negando as catro provincias e facendo renacer a nosa lingua e cultura tal como viñan pulando por facer desde o século anterior Sarmiento, Cornide e os nobre ilustrados.

Chegados a este punto da evolución da Historia das linguas, resultou imposíbel que os revolucionarios galegos reivindicasen unha lingua común con Portugal porque galego e portugués racharan en dous anacos asimétricos, próximos e recoñecibles entre si, pero diversos. Os galegos a partir do Coloquio de rústicos de P. Martín Sarmiento, con outros e outras, idearon unha ortografía propia xa que a portuguesa non respondía ao sistema fonolóxico noso. E nesa grafía escribiu María Francisca de Isla no século XVIII dentro do mesmo sistema que usaría Rosalía de Castro no século seguinte. Tamén por esta razón estamos agora vostedes e máis eu lendo e escribindo en galego, non en portugués, no Fondo dos Espellos.

En semanas seguintes, así teñamos tantiña saúde, contamos relatar nesta sección a nosa versión da etnoxénese de Galicia, isto é, como se foi formando en canto pobo e nación, e máis sobre cal territorio. Naturalmente un capítulo fundamental desa formación dinámica como pobo sería aquel no que estivésemos aproximándonos ao relato das xéneses concomitantes de Galicia e Portugal, tal como esixía Alexandre Herculano que se fixese. E será preciso que nos refiramos a nós como á Galicia que perpetúa o nome da Gallaecia que perdeu a libre disposición e a independencia no tránsito da Idade Media á contemporánea.

CAIXA POSTAL

Etnoxénese

  • "No libro de Pablo Díaz sobre a monarquía sueva de Galicia, utilízase a palabra, traducida do alemán, "etnoxénese". Parece ter o valor de proceso de formación dun pobo ou dunha nación que se conforma e vai seguindo un proceso en contacto con outras nacións. Que me podía dicir vostede sobre este concepto?Atentamente,Rosauro Fraguela Murias. Ferrol" A idea de etnoxénese ven de centroeuropa e vinno recentemente usado entre nosoutros. Trátase dun neoloxismo de formación grega na súa tradución ás linguas románicas. A especie humana nin ten unha única lingua nin unha soa cultura. E as sociedades humanas están en continua situación de motilidade. A única especie de primate conformada pola súa propia historia, alén de pola Natureza, é aquela á cal os galegos pertencemos. Por iso o Homo sapiens maniféstase en forma multicultural e plurilingüística. Debo confesar un proxecto cuxa execución ao mellor non estou capacitado para levar a cabo. Tal consistiría en procurar os xermes do actual pobo galego desde as evidencias máis recuadas no tempo. E ir vendo como se tecen e destecen os debuxos do pano da Nación. Desde as noticias que dos nosos antepasados transmitiron as fontes clásicas grecolatinas até as formas histórica que a nación elaborou por dar respostas políticas ás necesidades da nosa supervivencia. Certo que a economía, sempre unida ao poder e, habitualmente, á explotación impiedosa do humano polo humano, é causa primeira e razón dos procesos culturais, e tamén sociais e políticos. Pero existe unha condición peculiar galega que se vén reproducindo sobre este mesmo territorio físico noso desde a Prehistoria e sobre o cal paga a pena reflexionar. En entregas pasadas do Fondo dos Espellos achegámonos a procesos teóricos formativos de Galicia, insistindo, sobre todo, na comunidade de orixe que se apreza no transcorrer colectivo de Galicia e Portugal. Visto que Portugal marchou de onda nós hai máisde oitocentos anos podemos ir precisando algunhas cousas autónomas sobre a nosa formación social e cultural.Todos aqueles que quixeren colaborar coa súa opinión en NO FONDO DOS ESPELLOS poden escribir por correo ordinario a:X. L. Méndez FerrínFaro de VigoPolicarpo Sanz, 22Aptdo. Correos 91. VIGO

Compartir el artículo

stats