Se ben Galiza non estivo aparentemente nos círculos de creación de deseño gráfico, tal circunstancia propiciou que as súas industrias (entre elas, as conserveiras) tivesen que procurar solucións autóctonas para a publicidade (lembremos o peixe vestido de cociñeiro de Pita ou de camareiro, de Albo).
O parvo panorama que dominou durante anos foi alterado, por sorte, coa creación en 1959 da axencia publicitaria do ourensán Luís Carballo (1938-2019), situada na Gran Vía viguesa desde 1985, que co tempo estivo entre as mellores de Europa, coa colaboración da súa muller, Julia Taboada. E foi desde o campo da publicidade que a modernidade chegou a Galiza., algo que tivo lugar moi especialmente coa revista Galicia Moda e a promoción de modistas, entre eles Adolfo Domínguez. Foi, precisamente, para este que xurdiu o mítico slogan "La arruga es bella", a impulsar a incorporación dunha certa elegancia nos sectores progresistas que precisaban dunha presenza institucional. Seguíronlles outros deseños gráficos como o Pelegrín para o Xacobeo 93, Galicia Calidade, Banco Pastor, Coren, Pescanova ou Mondariz. En fin, un campo no que o deseño galego marcou tendencia é o editorial, especialmente coa identidade gráfica de Xerais e Laiovento. Doutra banda, a constitución en 2006 da Asociación Galega do Deseño é unha demostración que Carballo deixou pegada.