Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Afonso Ribas: "O ensaio é un xénero básico para construír a cultura do país"

FOTO: afonso ribas fraga

- Laiovento cumpre neste 2020 tres décadas de traxectoria. Consideran acadados os obxectivos propostos nos seus estatutos fundacionais?

-Pensamos que seguimos sendo fieis aos principios fundacionais que se manifestaban deste xeito: "Laiovento ten como único obxectivo o de contribuír dende unha óptica plural, aberta e progresista, á construción nacional da Galiza." Mais as arelas que soñaramos, seguen estando vivas no horizonte -coma utopía da que falaron Fernando Birri e Eduardo Galeano- e sérvennos para seguir camiñando. A utopía viva, para loitar contra distopía na que nos quere enterrar o capitalismo financeiro global.

- Que criterios aplican para seleccionar as obras que deciden publicar?

-O noso criterio fundamental é o rigor científico e a calidade estética, sempre pensando nos probábeis lectores, claro, malia que infelizmente, algunha veces non acertamos. Para tratar de paliar estas disfuncións, este ano constituímos formalmente un consello de dirección, un consello editorial e un consello asesor, dos que forman parte persoas sobranceiras da nosa cultura e da investigación científica, tanto de Galiza coma do estranxeiro. Os seus nomes están no noso local na Rede.

- Cales son os sinais de identidade da editorial, os raiscos que a diferencian das demais editoras galegas?

-Laiovento é unha editorial galega, afincada en Galiza e que forma do noso tecido empresarial, feita por galegos, rigorosa e independente. Neste tempo vimos traballando en diferentes eidos como o ensaio, a narrativa, o teatro e a poesía. Queremos seguir a cultivalos todos, mais, talvez, o campo do ensaio é o que conta con máis prestixio editorial en Galiza e fóra dela, como nos recoñece o SPI (Scholary Publishers Indicators) dependente do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) que nos vén de recoñecer de novo como a terceira editorial máis valorada de Galiza. Mais este prestixio non conleva, de momento, o correspondente éxito comercial; como di o grande editor neste eido, Gonzalo Pontón: "A comezos do S. XIX a tirada media dunha obra de historia, política o filosofía, situábase en torno aos 1500 exemplares ... esa cifra que non medrou despois de dous séculos, convertese nun problema cultural de primeiro orde... " E engade: "O desprezo pelas humanidades impide que haxa lectores de ensaio". Sabedores disto, mantemos a aposta polo ensaio porque o consideramos un xénero fundamental para construír a cultura do noso País.

- Este ano dedícase o Día das Letras Galegas a Ricardo Carballo/Carvalho Calero. Publican Vdes. tamén libros escritos en galego reintegracionista ou lusista ?

-En Laiovento sempre respeitamos a ortografía de cada autor, nas páxinas de créditos dos nosos libros figura a seguinte inscrición: "En canto non se conseguir un consenso normativo para a lingua galega, Edicións Laiovento respeitará a opción ortográfica de cada autor." E así será mentres os fundadores esteamos a fronte da editorial. Para nós, que nunca nos cegaron o cartos, calquera troco neste eido, é un casus belli.

- A pandemia do Covid 19 semella que conduce á crise económica e, nomeadamente, a un mal momento para a industria cultural. Correrán incluso perigo de desaparición editoriais como Laiovento?

-O volta ao poder do PP en Galiza, no ano 2009, foi aterradora, sobre todo nos eidos da sanidade, a educación, os servizos sociais, o sector primario... mais entre todos eles, no eido cultural foi onde, como di o noso compañeiro Xosé M. Beiras, sufriu o ataque con toda a forza de unha "brigada de demolición". Nas verbas de Paul Valery, estes bárbaros desfrutaron coa "súa horríbel facilidade de destruír". Eles non son conservadores, son reaccionarios carrancistas; como dicía o noso querido e admirado Isaac Díaz Pardo, conservadores somos nós, os roxos. En fin, a edición en Galiza sempre foi feble e chea de prexuízos e miopía, non quixo crear un mercado interno sustentábel, nin internacionalizarse, como fixeron os editores cataláns, e vascos, en peores condicións obxectivas ca nós. Cando ninguén dos que nos desgobernan imaxina, aínda que era probábel, apareceu o cisne negro: a peste. En canto a que as consecuencias desta pandemia nos leve por diante, penso que nin a curto nin a medio prazo é probábel: máis adiante pode ser posíbel, pero estamos seguros que outros ocuparán o noso lugar. Galiza foi vencida algunhas veces, dende a Idade Media, mais nunca derrotada. Por iso seguiremos/seguirán- loitando até acadar a plena soberanía para poder compartila confederadamente cos pobos da nosa contorna e, en paz, cos resto dos pobos que habítanos o planeta Terra.

- Cren vostedes que a autoedición vai ser a única solución que teñan algún autores, e/ou determinadas obras, que, ata o de agora, publicaban en editoriais?

-É posíbel; a pluralidade dunha sociedade depende da diversidade. Aínda que no Estado español hai mais de 7.500, e en Galiza 350, empresas, institucións e persoas que editan libros, para todos longa vida, incluída a autoedición. A liberdade do prelo ten dous séculos, mais cheos de atrancos; temos que seguila defendendo, coma en illo tempore: a capa e a espada.

- Que medidas inmediatas habería que aplicar para, polo menos, procurar que coa "crise que vén" os danos sexan os menores posíbeis para a industria do libro?

-Todo o que podemos propor dentro da hecatombe que esta praga supón, por experiencia que temos cos que desgobernan Galiza, fai que as nosas propostas caian en "saco roto", mais que por nós, que non queden. O primeiro que me preocupa son as librarías, que en Galiza hai pouco máis dun cento e se non conseguimos que se salven estas poucas que quedan, imos todos "ao garete". Mais elas o primeiro que debían era artellarse entre o conxunto de xeito cooperativo, de igual maneira que fixeron outros sectores coma o farmacéutico, para conseguir mellores condicións,. Facendo así, poderían incrementar a súa marxe entre dez e quince puntos porcentuais e pórse ao pairo con outros sectores comerciais; a unión fai a forza, a máis de outras vantaxes, coma ter un armacén común, cun fondo millonario de libros en formato electrónico para atender a impresión baixo demanda (PoD) en 24 horas... Mais para encetar os alicerces desta empresa de economía social, precisarían da axuda dos gobernos, aínda que non sei até punto lle pode interesar a estes, xa que eles saben que a leitura prexudica seriamente a ignorancia, na que eles se moven coma un peixe na auga. Non quero abondar nas medidas xa coñecidas, que propón a Federación de Cámaras do Libro ou a Asociación Galega de Editoras. Entre todas, a máis interesante sería unha campaña intensa e duradeira de fomento da lectura.

- Como xurdiu a decisión de Laiovento de poñer na rede varios volumes de libre descarga e como se pode acceder a eles?.

-É unha idea solidaria, que é outro dos motivos que nos impulsaron sempre en Laiovento e, tamén, unha forma de poder expor ao publico, que non o coñecía, o noso local na Rede e outras formas de edición. O derradeiro libro que penduramos no noso local na Rede (https://cutt.ly/OygNWXe) é Economía para un futuro sustentábel, de Vicent Cucarella, un gran libro de rconomía para todos os públicos, compartindo o que dixo a grande economista inglesa Joan Robinson (1903-1993), que "a mellor razón para aprender economía é para que os economistas non te enganen" Para iso, tamén estamos en Laiovento.

Compartir el artículo

stats