Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Museo na rocha

Paisaxe Singular dos Penedos de Pasarela e Traba

Igrexa de Santiago

Ocupan algo máis de duascentas hectáreas, repartidos entre os concellos de Laxe e Vimianzo. Desde decembro de 2008 están declarados Paisaxe Protexida, tanto pola súa beleza como polas súas caprichosas formas como polo impresionante pano de fondo co que pechan o areal, compoñendo unha panorámica costeira única. Son os Penedos de Pasarela e Traba, habitantes dun país onde as pedras falan, teñen formas e poderes máxicos e onde o megalitismo deixou abundantes pegadas. Constitúen unha excepcional representación dos bens adscritos ao mundo das rochas, grandes bloques graníticos que dominan unha suxestiva paraxe natural.

Son os catro cumes que rodean o Val do Traba, aberto ao océano nun extenso areal con lagoa costeira incluída. Desde a praia crean unha vista espectacular, o mesmo que desde arriba. Elévanse a 274 metros e o seu nome deriva da súa lenda ou da súa forma: Pena dos Mouros, Pena Forcada, O Castelo e a Torre da Moa.

En 2008 a Consellería de Medio Ambiente incluíunos como enclave protexido. "A parroquia vimiancesa de Pasarela eríxese no seu referente poboado polo sur, mentres que polo norte se atpa o extenso val laxense de Traba e a aldea de Cabanela, da propia parroquia de Traba. Os límites entre os concellos de Vimianzo e Laxe dividen este macizo en dous partes de similar extensión. Ao norte sitúase o territorio de Laxe, cunha superficie próxima ás 103 hectáreas e ao sur o de Vimianzo, cunha superficie dunhas 109 hectáreas, o que suma unha superficie de 212 hectáreas aproximadamente", di o texto, que continúa: "Os valores culturais das rochas sempre foron un elemento singular nas paisaxes galegas, verdadeiros fitos aos que ses lles asocian desde lendas e tradicións ata poderes curativos, tanto de enfermidades como mesmo de amores, desamores ou encantamentos. Por iso, as penas non son unicamente pedras amorfas e sen valor; son, fundamentalmente, elementos figurativos, perceptuais e culturais das paisaxes", refire a declaración da Xunta onde os cataloga como Paisaxe Protexida.

Ademais da súa maxia, os penedos son indicativos dos prolongados procesos tectónicos acaecidos e, por tanto, fundamentais para coñecer o clima e o chan do pasado. A erosión e os cambios ás que estiveron sometidos durante milenios -fracturas, afundimentos, levantamentos- ao longo da evolución xeodinámica deixaron non só formacións graníticas de indubidable beleza, senón tamén múltiples historias asociadas que incrementan o atractivo do lugar.

Para velas e coñecelas, unha opción é ascender a pé desde o lugar da Costa, na parroquia de Traba, ou tamén desde o sur, nun itinerario que comeza en Pasarela, parroquia de Calo. Aquí a imaxinación popular dotou de nomes descritivos ás rocas máis singulares da paisaxe: a Cachucha, O Berrón, A Aguia, A Tartaruga, O Gardián son algúns deles. Nos mesmos documentos legais que os protexen, fálase de "escenario onírico creado de gran valor perceptivo" pola acumulación de formas pétreas. Así, cada mirada pode captar desde morfoloxías animais a humanas que van cambiando segundo a perspectiva, xa sexa de preto ou de lonxe. Tamén a lagoa e as dunas de Traba teñen a cualificación de Espazo Protexido. Ostenta outras declaracións recoñecidas como Zona de Especial Protección de Aves ( ZEPA) e Lugar de Interese Comunitario (LIC).Ademais está dentro da Rede Natura 2000. A praia de Traba, de beleza salvaxe, a lagoa, as dunas, a vexetación, regachos, bosques e penas compoñen un conxunto único, ao que se suma o propio patrimonio parroquial.

Tanto Laxe como Vimianzo son concellos cheos de historia. No primeiro residiu o rei Afonso IX e a súa esposa Dona Berenguela, e foi berce do xeólogo Isidro Parga Pondal, entre outros fitos do seu longo pasado.

Unha "catedral" na lagoa

  • Contando coa vexetación que a rodea, a lagoa de Traba ocupa unhas 12 hectáreas de superficie. Protexida do mar polos máis de dous quilómetros de dunas que se estenden ao redor, é un dos tesouros da parroquia do mesmo nome, xunto á igrexa de Santiago e o macizo granítico que se encadea nunha extensa variedade de formas rochosas que deron lugar a múltiples lendas. As augas desembocan no mar a través dunha estreita canle natural xunto á que discorren as pasarelas para observar o acuífero, e poucos lugares acollen tanta biodiversidade como a aquí existente. A igrexa de Santiago é unha auténtica xoia escondida do lugar. O templo conserva a súa traza románica, aínda que co tempo foi experimentando reformas. No exterior destaca a súa fachada-retablo con columnas salomónicas, a figura de Santiago ecuestre nunha hornacina e, superposta, a imaxe da Virxe subindo ao ceo co Pai Santo recibíndoa. Nos laterais sitúanse as figuras de San Pedro e San Francisco e, baixo elas, Adán e Eva. Polo seu porte, a igrexa de Santiago ben podería ser unha catedral en miniatura. Está declarada Ben de Interese Cultural de Galicia, con categoría de Monumento. Unha das moitas lendas da zona di que baixo a lagoa está Valverde, unha vila afundida en castigo por desatender as palabras do Apóstolo cando predicaba por estes pagos.

Compartir el artículo

stats