Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Vituco Neira: "Kaki Arkarazo fixo que o novo disco soe a punk da vella escola"

Vituco Neira, líder do grupo Ruxe Ruxe. FOTO: isidro cea

-Este novo disco que presentan titúlase O extraño falar dun monstro da aldea ?Quen é ese tal "monstro da aldea" que fala tan "extraño"?

-Pois o monstro ben podemos ser nós mesmos, ou o mesmo mundo, incluso a mesma aldea. Esas realidades que nos falan a diario pero que case nunca queremos escoitar nin entender até que un día igual é tarde. Pareceunos unha metáfora bonita como título de disco e tamén un xeito de deixar ver ben ás claras quen somos e de onde vimos.

-O disco está gravado en Euskadi (estudios Garate). Por que o foron gravar alí; que aportou Kaki Arkarazo ao son de Ruxe Ruxe e aínda por que o elixiron Vdes. como produtor?

-Gravamos aló por ter xurdido a oportunidade de facelo e Kaki é un produtor e un tío ao que sempre admiramos moi moito. A idea xurdiu vindo dun concerto polo verán, chamámolo, e todo foi coser e cantar. Kaki aportounos moita naturalidade e a crer en nós mesmos e no noso produto a saco. Comprometeuse moito co traballo e co grupo e iso, vindo dun produtor da súa talla, é un puntazo de autoestima para a banda. Ademais aportounos o seu xeito de entender o punk da vella escola. Xa sabes: "rollo Kortatu". Kaki mola todo.

-Será moi agradecido, nestes tempos da imaxe que cada peza vaia acompañada do seu video correspondente. A que se debe esta iniciativa?

-Pois era algo que queriamos facer desde un primeiro momento. Incluso a idea era facer o disco enteiro nun video co son e directo, pero logo por cuestións presupuestarias quedou nunha especie de videoclips. Fixoos Aarón Vilariño e quedaron superben. Trece temas, trece videos.

-Pódese afirmar que estamos aínda nos fastos do 25 aniversario "oficial" do bravú, e de Vdes. chegaron a dicir que son "o último grupo bravú". Que é o bravú: un estilo musical, unha maneira de entender a vida, un berro rebelde, un xeito de ser galego??

-Para nós foi o argumento definitivo para facer música falando do que nos interesa. Foi un momento delicioso para vivir como público e tamén como parte activa. En Londres tiñan o punk e nós o Bravú. Nós flipabamos con aqueles grupos e ao final tivemos a sorte de compartir escenario e experiencias con eles. Se o penso, aínda flipo agora.

-E isto de ser etiquetados como "o último grupo do bravú", como o levan?

-Imaxino que nin sequera é certo, pero alguén o dixo e aí quedou. Para nós é unha honra que nos metan polo medio dunha etiqueta tan auténtica e con tanta pegada para o que foi, e é, o rock galego.

-Por que a semente do bravú non se reflicte, aparentemente, nos grupos galegos máis novos?..ou si que se reflicte?

-Eu creo que si que se reflicte,e que todo o que está a pasar agora trae de atrás todo aquilo que tanta e tan boa semente deixou. Todos os grupos que agora empregan o galego na súa música con total normalidade. Crédeme que cando nós empezamos sobraban os dedos dunha man pra contalos. Era un pouco terrible.

-Vargas Llosa pregúntase na novela Co n versación en la Catedral, "¿ cuándo se jodió el Perú?". Eu a Vdes. pregúntolles: "cando se escarallou o bravú?"

-Eu creo que non se fodeu nada, mais tampouco se aproveitou moi ben o poder daquela etiqueta para construír unha realidade musical que puidese dar en algo máis sólido. Eu que sei! Somos galegos. Xa sabedes como tratamos a nosa cultura moitas veces. Ao final aqueles grupos loitaron contra os muros de sempre

-Vinte e tres (os anos que transcurridos desde a saída do primeiro diso de Ruxe Ruxe) son moitos anos "na estrada". Cal é a fórmula para durar tanto tempo como grupo?

-A fórmula é que o teléfono non deixe de soar e continúen saíndo concertos. Tamén que sexa divertido e nos queden cousas que contar e cantar. De momento todo ben e cando veñan viradas, pois haberá que poñer o cinto, apretar os trebellos, meter máis ruído aínda e ter fe. De momento resistimos e encántanos. Somos uns máquinas resistindo.

-Alén da idade, en que se diferencia o público que ía aos seus concertos hai vinte anos e o de agora?

-En que agora habitualmente son máis. Tamén que agora xa van sabendo quen somos e algo soa o de Ruxe ruxe. Ah e moi importante: agora ninguén pregunta aquilo de "¿y cantáis en gallego"?

-Teñen Vdes. en conta o "paso do tempo" e, polo tanto, as experiencias vividas, nomeadamente cando compoñen as letras dos novos temas?

-Non falamos doutra cousa nas nosas pezas. Só contamos como nos vai na feira e mira, de cando en vez até sae algo bonito. De que iamos falar senón? Non somos nada imaxinativos.

-Este disco fai o once da súa traxectoria. Con esta bagaxe de case un álbum cada dous anos, non hai medo a repetirse?

-Nunca pensamos niso, mais é posible que nos repitamos e tampouco pasa nada. Xa somos xente maior así que tamén está ben que nolo perdoen se nos poñemos algo pesados. Ademais nós sacamos disco cando as cancións nos chaman á porta así que a culpa é todiña delas.

-Sería posible hoxe un "fenómeno musical galego" similar a como no seu día foi o bravú?

-Pois nin idea. Imaxino que si, aínda que agora mesmo todo funciona dun xeito un tanto máis invidual. Todo pasa nas redes e nas pantallas e vén deshumanízarse un pouco, ao cabo. A outra cousa a experimentar é ver se nos enteraremos en caso de que pase. Non sei. Que profundo todo, ou?

-Un saúdo previo á xente, aos seus segudores e/ou que vaia asistir a estrea en directo de O extraño falar dun monstro da aldea ?

-Pois máis nada. Resumindo tan só: que aquí estamos e que temos disco novo e que mola cantidade, xa o comprobarán. Que estamos moi vivos e con moitas ansias de continuar disfrutando coma tolos. Que os achaques aínda nos respectan polo de agora, así que que pasen a a vernos a un directo e que deixen unha paga para os ruxe. Saúde a esgalla amighiñ@s.

Compartir el artículo

stats