Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Con fulgurante harmonía

Alquimia e talento

Con fulgurante harmonía

Manuel Forcadela (Tomiño, 1958) proponnos, en Fábula das aves, entrar na melancolía. Un non-lugar de encontros e de fugas, de éxtases e olvidos, de delirio e rigor. Mais, tamén, de lembranzas recónditas (que lembranza non o é?) onde non resulta difícil atopar a desobediencia da angustia. Nestas coordenadas exploramos o seu mundo persoal onde a patria da infancia (Rilke) e adolescencia (Sandro Penna) conviven coa patria da linguaxe (Pessoa). De aí que percibamos o esplendor dun idioma esculpido nunha música arrebatada. Sen dúbida, considero o noso poeta un dos mellores versificadores das nosas letras. Basta ler calquera dos seus poemas para saborear a súa fulgurante harmonía: "Ninguén, o celebrante, sombrío sacerdote/dos ritos da tristeza, cantando o salmo azul,/aquel no que as palabras son brétema nun túnel,/fariña a esparexerse no cárcere sen luz".

O alexandrino, pola alquimia do seu talento, adquire a calidade do ouro, metal raro e brillante, onde destacan as pezas dedicadas aos familiares falecidos, aos camaradas perdidos, a algún amor xuvenil, ao silencio circular das tardes. Ou á estarrecedora definición das sombras. Deste xeito, o artista é capaz de transformar o cotián en revelación, o trivial en tranquila epifanía. Outras veces, en "Xardín queimado I", en desvío e desvarío, pois impugna as normas da gramática para nos emocionar fondamente.

Os versos de Forcadela cantan, con límpida franqueza, con palabras vibrantes, o decurso do que se vai, do que se apaga, do que foi lume e agora se comproba cinza. Quérese dicir, todo aquilo que nos foi subtraído polo Tempo. Por iso as súas composicións exercen sobre nós unha poderosa fascinación, pois se asentan tanto na forma (a posesión dun mundo que nos desposúe) como na forza (o entusiasmo das musas que arrebata a razón). Cando se unen para expresar o sufrimento (a perda dun ser querido) asistimos á súa estremecedora beleza: "E perdóanos, solpor,/(...) por tanta luz de vida,/por tanto amañecer,/por tanto cénit branco".

FORCADELA, Manuel, Fábula das aves, Ed. Laiovento, Santiago, 2019, PVP. 14, 25 ?

Compartir el artículo

stats