Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Dylan Dog, fumetto nero

Co detective dos pesadelos

Chico! de Pablo Carreiro.

Case dez anos antes de que Tarantino dirixise Pulp Fiction (1994) e se fixese coñecido polo seu estilo "pastiche" e a mestura de xéneros con continuas referencias culturais, nacía Dylan Dog, un fumetto nero (cómic de terror italiano) -portada de Claudio Villa, debuxos de Angelo Stano e guión de Tiziano Sclavi para a editorial Sergio Bonello- con tinguiduras pulp que non tardaría en converterse nunha icona. O título, O amañecer dos mortos vivintes, viña resultar unha clara homenaxe a George A. Romero e unha pista do universo que ía nacer.

O propio nome do personaxe fai referencia ao poeta Dylan Thomas e tamén a unha novela policíaca de Mickey Spillane, escritor de cómic pulp e novela negra, titulada en italiano Dog, fligio de. Mais non só iso: a maioría das historias están ambientadas en Londres, cidade na que vive Dylan. Concretamente, en Craven Road 7, nome escollido en honra a Wes Craven, guionista e produtor de sagas marabillosas como Scream ou Pesadelo en Elm Street.

Dylan Dog é un investigador privado, pero un moi especial, xa que se dedica aos misterios sobrenaturais e acaba sendo coñecido como "o detective dos pesadelos". Irónico e torturado, a pesar da súa dedicación ao oculto, Dylan é unha persoa bastante excéptica: un ex alcohólico de trinta e poucos anos co rostro do actor Ruppert Everett (a petición expresa de Sclavi) e unha eterna vestimenta: jeans azuis, chaqueta negra, camisa vermella e zapatos Clarks. Para completar o estereotipo, é propenso á depresión e un gran mullereiro. E para rompelo un pouco, é amante dos libros e do compositor e violinista Giuseppe Tartini pero tamén da música heavy metal. Acompáñao en todas as súas investigacións Groucho, un ex actor sospeitosamente parecido en físico e actitude ao famoso cómico do que leva o nome. O cómic aborda en cada episodio, sempre autoconclusivos, un "monstro" a miúdo inspirado en referencias do cinema ou da literatura de xénero, o que o converte nunha gran diversión para os coñecedores deste tipo de literatura. Pero Dog non só fai referencias ao xénero,senón aínda ao mundo da cultura, desde o cinema popular á pintura, pasando pola música clásica, jazz ou heavy metal.

Ademais do carácter polémico do protagonista, polas súas páxinas pasan supostos monstros sobrenaturais (que en moitos casos son un reflexo das inquietudes e debilidades humanas) e multitude de individuos marxinais, ás veces violentos ou sexuais, que lle supuxeron grandes críticas e ameazas de censura. Mais foron precisamente estes elementos os que o elevaron a cómic de culto, non soamente polo componente subversivo, senón pola capacidade de representar e dar voz aos inadaptados. Grazas a iso, rompe os estereotipos dos que parte e consegue crear personaxes con profundidade.

Non se trata do primeiro cómic italiano que cuestiona ou rompe as convencións tradicionais, xa existían Milo Manara, Guido Crepax ou Hugo Pratt, pero si o primeiro en facelo desligándose da etiqueta de "cómic de autor", nun formato popular, a tira cómica, destinado ao gran consumo, mesmo daqueles non afeccionados. A pesar do seu éxito, non tivo moita sorte nas adaptacións audiovisuais. Existe unha película terrible de 2010, Os mortos da noite e unha sorte de homenaxe "apócrifa", A miña moza é unha zombie (1994), sen referencia directa a Dylan, con guión do propio Sclavi e protagonizada, xustamente, por Rupert Everett. Pero quizais a cousa mellore: está a prepararse para 2020 unha serie de acción real, en inglés, orientada ao público internacional, producida por James Wan, o creador de sagas como Saw, Insidious ou Annabelle.

Mentres tanto, xa se pode desfrutar da colaboración entre Sergio Bonelli e DC, que crearon unha serie co-protagonizada por Batman e Dylan Dog. Un crossover sen precedentes que se presentou no pasado festival Lucca Cómics and Games 2019. Iso si, pódese facer en inglés ou italiano, de momento.

Pablo Carreiro: Chico!

  • Pasamos dunha homenaxe a unha novidade recente: Chico!, a primeira obra do seu autor, Pablo Carreiro (Vigo, 1985), quen, despois de ver a súa proposta rexeitada por varias editoriais, decidiu crear un crowdfunding a través de Libros.com. Así en menos dun mes obtivo o diñeiro necesario para facer a súa novela realidade e, desde outubro, podemos mercala, tanto en formato de tapa branda como en ebook. Chico! é unha novela gráfica composta por tiras autoconclusivas que reconstrúen a vida adulta de Berto - e os seus anhelos, frustracións e tamén alegrías-, un mozo corrente que comparte cervexas, anécdotas, aventuras e desventuras co seu grupo de amigas. Nunha destas aventuras coñece a Ricky, de quen case namora. Por sorte, antes de cometer ese erro, coñece tamén a Marco, a súa parella, non sen antes vivir máis dalgún enredo ou situación incómodas. A Berto pásanlle as mesmas cousas que che poderían pasar a ti, porque a intención de Pablo Carreiro é resaltar a importancia do cotián e conectar coas emocións que nos espertan, aínda que ás veces ignoremos, os detalles do día a día. Se queres probar un bocadiño antes de decidirte a lela, podes desfrutar das súas tiras na súa conta de Instagram, @ p_carreiro.

Compartir el artículo

stats