Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Días do Imperio

Centro de Interpretación de Caldoval, Mugardos

Unha das perspectivas dos xacementos museísticos. fotos: museocaldoval.gal

Na beira meridional da ría de Ferrol, Mugardos é unha Vila Real que recibiu semellante título de mans de Filipe II, sendo confirmado despois por Carlos III. Fermosa e mariñeira, aos seus atractivos suma o Centro de Interpretación de Caldoval, unha iniciativa conxunta da Xunta, o Concello e a empresa Reganosa, inaugurada hai dous anos co obxectivo de poñer ao dispor de todos unha parte importante do patrimonio histórico da localidade. Trátase dun xacemento único que mostra a vida da antiga Roma a través dunha instalación que estivo dedicada ao lecer, ao deporte e ao culto ao corpo entre os séculos I e V da nosa era. Ata o de agora trátase dos únicos baños privados con palestra descubertos en todo o noroeste peninsular. Un "balneum" rural doméstico que formaba parte dunha "vila a mare" en época do Imperio Romano.

A edificación foi atopada na enseada de Santa Lucía, en Punta Promontoiro. Suponse que pertenceu a un rico habitante galaico-romano, quizais relacionado co comercio ou coa explotación de salgaduras ou peixes. Un dos elementos destacados do "balneum" de Caldoval é o gran patio exterior rodeado de muros, localizado na zona orientada ao mar. Todo parece indicar que se trata dunha palestra, un espazo dedicado ao deporte, os xogos ou o lecer. Adoitan ser frecuentes en termas públicas pero escasas en baños domésticos como o de Caldoval. Da súa parte, o conxunto de estancias frías, o "frigidarium", está formado polo vestiario e a bañeira ou "alveus", un recinto cadrado que podía ter as dimensións dunha piscina. O de Caldoval achouse en perfecto estado e enteiro. O circuíto termal continuaba no "tepidarium" ou habitación tépeda que puido reconverterse a "sudatorium" ou estancia quente seca.

O proxecto arquitectónico de Caldoval foi realizado polo estudo de Alfonso Penela, cunha proposta que fai esquecer o contexto contemporáneo para retroceder dous mil anos a través dunha rampla en espiral descendente que chega a un espazo neutro de grandes dimensións. O muro de formigón con forma de caracol vai enterrándose no chan ata envolver as ruínas e illalas do exterior para mergullar o visitante no Mugardos de hai vinte séculos. Unha pasarela rodea o xacemento para poder contemplalo desde varias alturas e perspectivas. Un xogo de luces sincronizado cunha proxección audiovisual axuda a entender o uso das diferentes estancias do "balneum" de Mugardos. A sala multimedia completa a presentación do xacemento e axuda á súa comprensión.

O centro de interpretación asenta sobre unha parcela de máis de 10.000 metros cadrados. No interior, con 1.600 construídos, hai unha sala de exposicións con materiais orixinais e recreacións de utensilios, vestiario, cerámica, xogos? Aquí reproducíronse as condicións necesarias para velos nunha disposición semellante á orixinal. Ademais, varios audiovisuais mostran o modo de vida da época e o uso que facían das termas. Como complemento ás visitas, o centro de interpretación de Caldoval ofrece numerosas actividades ao longo de todo o ano como obradoiros didácticos adaptados a cada idade. É unha maneira diferente de coñecer o xacemento, a cultura do mundo romano e a importancia que daban ao deporte, ás termas e ao coidado persoal.

Todo comezou cara ao ano 2000. As escavacións realizadas entre 2001 e 2006 nos terreos da empresa gasista Reganosa identificaron dúas zonas con restos de construcións romanas. A primeira é o denominado Sector 1, no que se atoparon ata cinco estancias que parecen estar relacionadas con actividades produtivas e comerciais. A parte musealizada correspóndese co Sector 2, un edificio termal dedicado á hixiene, a saúde corporal e probablemente tamén á práctica do deporte.

Desde fins dos 90

  • No ano 1997 localízanse unhas estruturas que semellaban muros en terreos da empresa Reganosa, na parroquia de San Vicente de Mehá, aínda que se descoñecía entón a importancia patrimonial do achado. En 2001 realízase unha primeira escavación para determinar a relevancia dos restos. Determínase que se trata dun importante asentamento da época romana. Houbo máis investigacións ata acordar que se trataba dunha vila do século I con baños domésticos, probablemente dun rico comerciante. A partir de entón comézase a pensar no traslado e musealización dos elementos. Foron transportadas máis de 12.500 pezas coidadosamente etiquetadas e voltas a colocar na súa posición orixinal para goce de estudosos e visitantes. O "alveus" de auga fría foi a única parte que non se desmontou debido ao seu bo estado de conservación. Recubriuse cun encofrado para facilitar a extracción e ubicación, e foi instalado antes da finalización do edificio do Centro de Interpretación. En Caldoval é unha pequena estancia cadrada de dous por dous metros, situada no extremo norte do apodyterium ou vestiario. Nas termas e nos "balnea" romanos era habitual pasar o tempo libre cos xogos de mesa. En Mugardos atopáronse fichas de cerámica que posiblemente se utilizaron para o tres en raia.

Compartir el artículo

stats