Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Anatomía da pedra

A obra matriarcal de Antonio Faílde

Unha das pezas presentes na mostra. // Faro

A mostra Faílde. Anatomía da pedra trae a Vigo a obra de Antonio Faílde (1907-1979) nun proxecto comisariado por Natalia Figueiras para a Fundación Laxeiro. Trátase de quince obras escolmadas entre a súa escultura máis persoal e libre, pezas que sempre pertenceron ao escultor ourensán e, xa que logo, presentan o seu labor máis íntimo e exento de mediacións coxunturais.

Pertencente ao movemento d' Os Novos, como Laxeiro, Carlos Maside, Virxilio Blanco, Manuel Torres, Xosé Eiroa ou Manuel Colmeiro, a obra do noso artista sitúase entre puntos de partida costumistas e un primitivismo granítico, elaborando obras de temática popular en que a a representación feminina vai adquirir un significado fundamental.

A muller, omnipresente en toda a súa traxectoria, igual que para moitos pintores e escultores afíns, pódese intrepretar como un elo entre a tradición e a modernidade. Daquela as distintas representacións femininas do noso escultor entendémolas en sintonía formal e cunha sentido iconográfico que concilia o que hai de fugaz na modernidade, nos estilos modernos via linguaxe primitivista, co que hai de permanente na arte. É dicir, son obras que rompen a historicidade, reflectindo o ancestral. Isto explica a escolla de figuras arquetípicas que serven ao artista para se situar no máis fondo da tradición (virxes románicas, populares e barrocas) e tamén no simbolismo eterno da muller (deusa nai, virxe, nai terra). Esa Galicia "nai e señora" que cantan poetas como Ramón Cabanillas, esculpen Asorey, Uxío Souto ou Eiroa e pintan Maside, Arturo Souto ou Colmeiro.

Feminina tamén é a formulación da estética do granito, esas figuras redondeadas e esgrevias de Faílde, que como as de Carlos Maside, Laxeiro ou Manuel Colmeiro, enlazan coa iconografía popular e serven para a súa reinterpretacion modernizadora a pintores como Seoane, un artista que con claridade resumía a importancia do tema da Mater Gallaeciae: "Trátase para min sempre dunha especie de Nai Galega, outra constante na temática que nos vén dende a prehistoria, a deusa que incorporou Roma ás súas crenzas, a dos cruceiros galegos, as que pintaron Souto e Colmeiro".

Neste sentido ancestral, que citaba Luís Seoane, a escultura de Faílde é matricial, uterina e participa dunha visión da arte como ligazón co orixinal, co primario. O escultor ourensán semella herdeiro das súas raíces, apegado á Terra. Raíces que debemos procurar nas profundidades do noso pasado, no máis esgrevio da nosa tradición: castrexa, románica, gótica e barroca, sempre nas súas versións máis expresivas na súa esencial aposta primitivista. Escultura, pois, vencellada ao sentido primario da representación, ligada ao tempo en que esta era pedra, erguida entre o ceo e a terra, deseñando o senso da vida, facendo esquecer, aínda que for apenas por un intre, a ausencia e mais a morte.

Unha arte destas características non foi elaborada, é claro, coa vontade de resolver problemas materiais, senón para nos lembrar o enigma, o emotivo primario que nos conecta cos alicerces da nosa condición. Escultura da Terra Nai -constantemente citada polos intelectuais da xeira Nós cos que faílde mantivo estreita ligazón- que conecta con ese mundo do que xorde un material vivo, rexenerador, terreal, esa pedra de gra que agroma nas laxes de boa parte do noso territorio.

Antonio Faílde constrúe, pois, a súa obra desde esta intensa relación co espazo cultural e natural. Semella que, se a escultura segue a ter sentido en plena modernidade, é porque para el mantén o elo, a religio, a ligazón, cun ámbito natural que poderiamos denominar cósmico, ao tempo esgrevio e harmónico, primario e ordenado.

Título: Faílde. Anatomía da pedra. Artista: Antonio Faílde

Comisariado: Natalia Figueiras. Local: Fundación Laxeiro, Vigo. Até o 15 de setembro.

Desde a tradición figurativa

  • É evidente que a investigación plástica de Antonio Faíle se fai nun perpetuo diálogo coa tradición -unha tradición que é moi afín, como sinalamos, ao popular, o mesmo que acontece con moita arte galega- escolmando dela elementos significativos, perseguidos de xeito obsesivo, e cheos dunha intensa forza plástica. Desde os retablos e tímpanos de igrexas rurais até boa parte da tradición escultórica figurativa, o ourensán servíuse de elementos de grande alento expresivo para, por depuración, escavar todo o pasado artístico. O que percibimos na sua escultura é unha fascinación plena polo popular, pola súa corporeidade, semellante á que se produce noutros contextos artísticos pola definición dun canon que combine o popular e o moderno. As figuras que Faílde esculpe non son froito dunha actitude distanciada, desde fóra, senón que son creadas desde dentro, desde unha presenza ligada á súa experiencia vital e á súa vida cotiá, un mundo que é enxergado non cun ollar distanciado e compracido, senón cunha vontade de comprensión fonda, coa plena consciencia de que ese mundo era parte do seu propio eu, e para amosarnos non só unha captación formalista senón unha percepción fondamente vitalista, desde un "nós" colectivo que nos segue identificar.

Compartir el artículo

stats