Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Álvaro Rodríguez Núñez: "Risco foi o gran creador e teórico do nacionalismo galego"

Álvaro Rodríguez, en Vilagarcía foto: iñaki abella

-Subtitula Vde. o seu libro sobre Vicente Risco como "O Teórico do Nacionalismo Galego", o cal causará, como pouco, certo arreguizo entre os galeguistas, que atribúen esta condición a Castelao. Por que Risco é, na súa opinión, "O Teórico"?

-Vicente Risco era o creador da doutrina nacionalista. Teoría do nacionalismo galego, Teoría do nazonalismo galego, O Problema político de Galicia, Nacionalismo galego, por indicar as obras esenciais. Castelao non era un teórico. Salvo Sempre en Galiza (moi "risquiana"), pouco ten escrito, e o seu Diario de 1921 é de natureza " risquiana", conservador, católico e antimodernista. Castelao acabou sendo o xefe político, mais non era un teórico. Tal vez, o feito de que Risco apoiase os militares de dereitas en xullo de 1936, é o motivo do seu "ocultamento", e de que se lle atribúa a Castelao un papel de teórico inexistente na época.

- Vde. di que o galeguismo tiña unha natureza anticomunista e antisocialista, pero qué se opinaba, dentro do galeguismo da época, arredor do capitalismo e do imperialismo norteamericano?

-Risco era catonista, e por iso, contrario ao capitalismo. No galeguismo había unha mezcolanza de todo, mais o discurso de Risco dominante, era anticapitalista. Xa avanzara a súa posición na obra Las Tinieblas de Occidente, no ano 1918. Castelao en Diario de 1921 tamén manifesta o seu rexeitamento do capitalismo, industrialismo e modernismo, en xeral. Sobre o imperialismo norteamericano, Risco era moi critico, e era contrario a el. Os Estados Unidos, por capitalistas, liberais, democráticos... viñan ser un mal comparable á URSS estalinista. Hai que ter en conta que o comunismo e mais o fascismo estaban triunfando, eran o "moderno", a vangarda.

-Non falta quen lle atribúa aos nacionalismos trazos racistas e mesmo fascistas. Que lle fai pensar que tamén puidesen resultar sinais de identidade daquel nacionalismo galego deseñado por Risco?

-O racismo nos anos 20 e 30 era algo normal. Mesmo progresista. Ao indicar que só existían diferenzas entre as razas, manifestábase tamén que as diferenzas de clase social eran artificiais, e por iso, inxustas. Polo tanto, todos os brancos eran iguais, e o capitalismo era contrario á ciencia, á natureza das cousas. Risco, seguindo a Murgía, consideraba que Galicia tiña unha base racial,celta e superior, aos habitantes do sur da península Ibérica. Era moi normal na época. Francia, EE.UU, Holanda, Bélxica, toda América, Xapón... eran racistas. A II Republica non lle outorgou o voto aos guineanos, os marroquís ou os saharauis, os restos do imperio español. Non o fixo a II Republica Española, nin a Francesa, nin os Estados Unidos aos negros, etc. Sobre o fascismo, Risco manifesta aprecio polo fascismo italiano, o cal non resultaba inaudito naqueles tempos. Algúns chegaron a alcumar a Franklin Delano Roosevelt, nos EE.UU, como "o noso Mussolini". Winston Churchill chegou a definir ao duce como un gran político da época. A Segunda Guerra Mundial, ou a última guerra civil europea, ao seren derrotados os fascistas, fixo agachar esa realidade. Pero reitero que nos anos 30 o comunismo e o fascismo eran o "moderno", a vangarda.

-Se unha das principais causas da escisión no Partido Galeguista foi a cuestión relixiosa, por que uns católicos confesos e practicantes como Otero Pedrayo, ou mesmo Antón Fraguas, decidiron permanecer no PG e non marchar á Dereita Galeguista tras da alianza do PG coa Fronte Popular?

-É difícil responder, e non podo personalizar. Tal vez unha mestura de compromisos persoais, intereses, ambición... -estaba claro que se gañaba a Fronte Popular, íase crear o goberno autonómico galego, con funcionarios, con altos cargos...- e, desde logo, ideoloxía. O PG ía en alianza coa FP, porque esa era a clave para alcanzar a autonomía galega

-Canso se pode dicir que Risco empeza a simpatizar con Hitler e Mussolini?

-Desde o principio. Hoxe escóndese a realidade dá época. Todos os anticomunistas simpatizaban con eles. Tamén acontecía que moitos demócratas crían que eran os únicos que podía frear realmente a Stalin e a URSS, un modelo e exemplo a seguir na época. Mussolini foi portada en Life ou en Times. E Hitler estaba ben valorado. antes de que se producide a guerra. Canto á Stalin e á URSS tamén eran admirados polos seus éxitos. Todo era diferente a hoxe. A URSS e Italia conformaban a vangarda intelectual. E tras da derrota militar do 1945, quíxose todo ese pasado complexo. Hoxe o comunismo e o fascismo están vilipendiados por igual. Mais naquela época viñan resultar o futuro.

-E con Franco e mais os seus? A simpatía foi xa antes, ou despois, da Guerra Civil?

-Risco apoiou a Franco, o bando das dereitas, porque tiña medo dunha revolución comunista. Tras da insurrección marxista e anarquista en Asturias, Risco entendeu que tiña que optar. E optou polos anticomunistas.

-Converteuse, entón, Risco nun nacionalista español? Como podía compatibilizar iso co seu, segundo Vde., "nacionalcatolicismo galego"?.

-Non. A tesitura era: Ou comunismo (con varias versións), ou manter a orde existente socio-económica. e relixiosa. O nacionalismo pasou, entón, a un segundo plano. En realidade, a coalición de dereitas era moi ampla nun principio: catalanistas, valencianistas, parte do PNV, católicos, monárquicos, liberais, demócratas, fascistas; todos unidos contra o triunfo do comunismo.

-Existe algunha razón que xustifique que o Risco que fundou o PG evoluíra cara ao Risco que simpatiza co fascismo?.

-A radicalización bolxevique do PSOE. Tras organizar a insurrección en Asturias, en 1934, para instaurar a ditadura do proletariado, o PSOE puxo fin ao consenso republicano. Pero, insisto, o estalinismo e o fascismo nos anos 30 eran as ideoloxias triunfantes.

-Oriol Junqueras, máximo dirixente de Esquerra Republicana, é tamén un católico convencido. Que opinaría Risco do que hoxe pasa en Cataluña?

-Difícil responder. Esquerra Republica e CIU hoxe son defensores do capitalismo internacional, da Unión Europea plutocrática, da Nova Orde Mundial, do globalismo. Tal vez Risco preguntaría hoxe: que é o que está a pasar?.

Compartir el artículo

stats