Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Con O ciclo da serpe

Na volta de Dios ke te crew

Desde Vigo, Comando Radar.

Dios ke te crew están de volta con enerxías renovadas e cun disco debaixo do brazo que entra directo pola porta grande dos rexistros fonográficos da música deste país. Co título de O ciclo da serpe, o traballo móstranos uns Dios Ke Te Crew nun chamativo estado de madurez musical que esmaga pola súa solvencia e solidez. Estívenos vendo na presentación do traballo na sala Capitol en Compostela e alí os catro de Ordes espetaron as súas cancións, estaca tras estaca, nunha audiencia absolutamente entregada á lección de hip hop da banda. E dicimos hip hop por dicir algo, pois a proposta ben merece unha categoría a inventar e máis axustada á altura da súa medida. Eles rapean, si, pero nesa linguaxe tan única e persoal que foron xerando e apuntalando ano a ano dende aqueles inicios rapeiros hai máis de dúas décadas, cando puxeron os cimentos do rap cantado no noso idioma. Chámalle rap, chámalle catro tipos musicando e falando da vida que toca vivir por este curruncho do mundo.

O padre Murdock nos cachibaches e Mou, Sockram e Jamas nos micros deixan de novo en constancia total aquilo de que este país bota por fóra de calidade e talento. Letras da vida, rimas da terra e retranca a esgalla. Por momentos ferintes, por momentos emotivos, costumistas, humanos, sociais e sempre arredados a mil millóns de millas do panfleto doado ou do discurso manido da protesta de postal. Os nosos Public Enemy particulares sacan o bicho de paseo en forma dunha serpe enredada nun ciclo infinito de toxicidade humana e moita desfeita en mans de quen non teñen nin un chisco de cariño por todo o que non sexa o vil brillo do capital. Dios ke te Crew adoban ideas e crean nese mundo tan de seu, co cuartel xeral neses estudios Rapapoulo que eles mesmos construiron a golpe de funda, masa, paleta, trenchas e horas de obra. Tamén así crean a súa música. Non pagan peaxes nin pasan mans agradecidas polo lombo de ninguén e aí reside moito do eminente engado da súa obra.

No directo sacaron todo o arsenal que teñen preparado para a nova xira, coidando moito o son e co A.L. Crego facendo arte visual nunha gran pantalla, en tempo real e latexante, e facendo de cada canción unha verdadeira experiencia digna de ver e disfrutar. Levaban un lustro de silencio, case nada. Primeiro foi aquel Xénese do 2006 co que mudaron o paso da música galega contemporánea, despois chegou o Humanose (2011) co que deixaban constancia que a lenda dos rapeiros de Ordes non paraba de medrar. Despois sacaron uns sinxelos no 2013 Dez e Heroes e, francamente, xa ía tocando material novo. O ciclo a serpe presenta uns DKTC coa baixa de García Mc que escolleu navegar en solitario polos seus mares pero co ADN da Crew intacto e coas caldeiras de enerxía e creatividade en pura efervescencia. Gravado e mesturado no Rapapoulo Estudio, e masterizado en Jammin Masters (Berlín) e con colaboracións tan especiais e cercanas á banda coma a do actor Miguel de Lira neses xa clásicos personaxes do universo da banda como Ameneiro e Gutierrez. Tamén colaboran músicos como Manu Paino, Mestre Pi, Santino, Martiño D. Mato, Inés Mirás, Javier Pardiñas e, por suposto, que compañeiros de rimas e beats como os Alto Asalto ou o lendario Hermano L, mítico integrante de La puta opepé. Tamén é ben salientable todo o traballo da ilustradora Lidia Cao dándolle empaque a toda a carga conceptual do traballo.

Uróboros, animais máquina, dodecaedros de pedra e enredo infinito. A natureza cíclica das cousas e unha frase que o representa todo: "estamos inmersos nun loop infinito?" O bucle só pode condenarnos ou salvarnos. Dios ke te Crew son un dos grandes capítulos da nosa escena contemporánea. Moita calidade, moito xeito e moita metralla. Máxima atención: Dios ke te crew están de volta.

Comando Radar

  • Hai veces que un ten que abrir as portas e botarse a andar por carreiros polos que non está afeito a pasear. Este tipo de exercicios acostuman a ser altamente enriquecedores e, ademais, teñen o aquel de arredarte desa zona de confort que tanto aliena. Exactamente iso é o que un pode experimentar cando entra de cheo no universo musical do Comando Radar, un septeto de improvisación que apuntala todo o seu arsenal creativo no eido do coñecido coma free jazz,. Eles falan de improvisación conducida, de composición inmediata e de sachar musicalidade no máis sacro rego dun talento musical sobresaínte. Son, os Radar, unha formación dirixida polo guitarrista Pablo Rega e completada por xente da talla e traxectoria de Luis Erades e Pablo Sax nos saxos, David Lojo na trompeta, Saúl Puga no contrabaixo, Carlos Castro na batería e Xavi Bértolo nos teclados. Propoñen unha experiencia musical ben diferente e de certo evocadora para calquera amante da boa música, amparados na bagaxe musical dos seus compoñentes como primeira bandeira. Entón, lévante de viaxe e ti só tes que deixarte ir. Cautívante e tíranche das orellas. Secuéstrante desa zona de confort. Hipnóticos, diferentes, enérxicos e diversos, o Comando non só entra polas orellas, tamén entra pola vista nunha evocadora coreografía de entrega total a cada instrumento. Xurdiron das sesións H.A.L.O. a finais de 2016, en Vigo, e acaban de gravar o que será o seu primeiro disco. Podes buscalos xa pola internet adiante e deixarte conquistar polos seus riscos aínda que o máis recomendable é procurar o seu nome nunha axenda cultural e deixarte seducir por un directo corpo a corpo onde abofé que a experiencia será desas que se describen como únicas.

Compartir el artículo

stats