Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Beto Luaces: "A idiosincrasia de Vigo é moi propicia para a novela negra"

O escritor vigués Beto Luaces. FOTO: Nun amoedo

- A anterior entrega da saga Vicvs , Un lugar común , foi todo un éxito; esta, segunda, está a ser moi ben recibida. Que é o que coida Vde. que atrae máis aos lectores: a trama das novelas ou o que contan sobre Vigo, a súa historia, os seus lugares??

-Quero pensar que foi un pouco de todo? A trama ten que enganchar, tamén os lugares que describes, neste caso, Vigo e a serra do Suído. E os personaxes, ademais, teñen que ser verosímiles.

- Poderíanos facer unha descrición do seu detective, Manuel Peixoto? Con cales outros da historia da literatura ten semellanzas?

-Eu son moi fan da novela negra escandinava e, polo tanto, Kurt Wallander, o personaxe principal das novelas de Henning Mankel é para min un referente. O meu detective (privado) é un ex-policía local de Vigo, expulsado xustamente do corpo. Ten 50 anos, divorciado, cunha filla 25 anos menor ca el, unha vida anterior moi desleixada que quere corrixir? Gústalle o jazz e, como característica senlleira (ou máis ben exótica), podemos dicir que é xudeu, un dos poucos de Galicia, aínda que non é practicante e ten unha postura moi crítica co sionismo e co Estado de Israel.

- Vai seguir contando con Peixoto nas seguintes entregas de Vicvs ?

-Na primeira entrega da serie, foi Senén Barreiro, un arquitecto vigués, o protagonista principal. Agora é Manuel Peixoto o que pasa a ser o protagonista desta segunda entrega e, tamén, da serie toda. Iso non quere dicir que Senén desapareza; pasa a un segundo plano moi activo e o mesmo acontece cos personaxes principais do primeiro libro de Vicvs.

-Ademais de Mankel, quen son os autores de novela negra cos que Vde se sinte máis identificado?

-Uf! Son moitos?Stieg Larsson, Johan Theorin, Peter May, Petros Márkaris, Dolores Redondo, Jo Nesbo e, por suposto, Domingo Villar.

- Comparte Vde. cidade e xénero literario con otros autores galegos de novela negra como o citado Domingo Villar, Diego Ameixeiras ou Pedro Feijoo. Agora tamén acaba de publicar unha novela negra Ledicia Costas. Por que este xénero atrae tan masivamente aos lectores?

-Penso que o negro é un xénero no que un escritor se pode sentir moi cómodo, xa que non ten unhas normas moi estrictas; se cadra, nin sequera as ten. Ademais, é moi dinámico e rápido e, sobre todo, trata temas de actualidade e, polo tanto, os lectores poden sentirse doadamente identificados na trama.

-A estas alturas, xa se pode dicir que existe a "Novela Negra Viguesa"?

-Pois non o sei? o certo é que nos últimos anos somos moitos os escritores vigueses que optamos por este xénero. Domingo Villar é o buque insignia? Pedro Feijoo, Manuel Esteban, Elena Gallego Abad, Alicia Borrás? E como ben dixeches antes, tamén Ledicia Costas se estrea no xénero. O futuro dirá se esta tendencia se consolida e a marca "Novela Negra Viguesa" existe.

- Que ten Vigo para que aconteza ese fenómeno?

-Supoño que a cidade é aquelada para o xénero negro pola súa propia idiosincrasia. É una cidade feita a si mesma, con moito músculo, dura, industrial, portuaria, con moita xente de fóra?

- Unha das características das boas novelas negras é a capacidade de enganchar o lector. Cal é a súa fórmula para "atrapar" aos seus seguidores?

-Para min o fundamental é a historia que pretendes contar. Se a esa historia non é boa? non hai nada que facer, o lector foxe. A min pásame como ao lector: podo comezar a ler un libro dun escritor contrastado e se a historia que me está a contar non me gusta, deixo de ler.

- Por que elixiu un magnate da conserva como vítima do crime central en Un lugar aquelado ?

-Pensei que o mundo da conserva estaba moi ligado á historia de Vigo. A burguesía local da cidade, a "Sardiñocracia", que dicía Eduardo Blanco-Amor? A cidade de Vigo existe grazas aos fomentadores cataláns que chegaron hai máis de 200 anos a Galicia. Eles deron o paso da salga tradicional á conserva industrial e, dese xeito, Vigo pasou de ser un aldea mariñeira a una cidade.

- Cal é a súa vinculación persoal coa Serra do Suído, que tamén está nesta novela e na anterior?

-A miña familia paterna é orixinaria da serra. Eu son fillo de galegos que emigraron ao Uruguai. Vin para Galicia con 9 anos e pasei de vivir en Montevideo (máis dun millón e medio de habitantes) a una aldea do Suído. Con todo, non houbo ningún trauma, só una fonda admiración por un lugar máxico. Cando pensei en escribir Vicvs non dubidei en meter a serra no relato, que é a primeira vez que forma parte dunha trama literaria. O Suído actúa como contrapeso de Vigo: rural/urbano, montaña/ría, pasado/presente? Ademais, a serra posúe uns elementos etnográficos, paisaxísticos e culturais que encaixan moi ben no xénero negro, tradicionalmente urbano.

- O feito de ser funcionario xudicial é unha vantaxe á hora de contar con verosimilitude as historias de Vicvs ou o seu traballo non xulgado non ten nada que ver coa súa vocación literaria?

-O meu traballo profesional non ten nada que ver coa vocación literaria, aínda que nunca se sabe e, se cadra, no meu subsconciente hai moito da materia penal coa que convivo decote.

- Como se supera o reto que todo escritor, (sobre todo se é de novela negra), ten, que non é outro que o de que, moitas veces, a realidade supera a ficción?

-Iso está relacionado coa pregunta anterior. No meu traballo ves cousas que, se as escribes nunha novela, ninguén as cre! Daquela, o reto do escritor é ben grande: hai que escirbir algo diferente e que, aínda así, sexa verosímil.

- Cando publicou a súa primeira novela, xa anunciara que estaba escribindo esta. Tamén esta vez xa está a escribir a terceira entrega de Vicvs ?

-Cando publiquei a primeira entrega de Vicvs, a segunda estaba, de feito, xa rematada. Con todo, agardei á resposta dos lectores. Se estes non respondían positivamente, a serie Vicvs había quedar cun só libro. Por sorte, responderon moi ben e acordei entregar o segundo libro á editorial Bolanda, que ao cabo, deu o plácet e decidiu publicalo. E, si; estou a escribir a terceira entrega da serie. O relato vai moi avanzado e o único que podo adiantar é que continúan os mesmos personaxes, xorden novos, e o territorio segue a ser, nomeadamente, a cidade de Vigo e a Serra do Suído.

Compartir el artículo

stats