Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

No país das augas levadas

En tempo de regas

Auga levada, canalizada co obxectivo de mover o rodicio dun muíño.

Ainda que Galicia se sitúa nunha zona húmida e contamos con milleiros de fontes, rios e regatos, as fincas, os pastos e os muiños precisaban de auga ao chegarmos a época estival. Esta necesidade obrigaba a facer captacións de augas e establecer formas de regadío específicas mediante a acumulación de auga que logo se repartía polas diferentes parcelas da parroquia. Este sistema de regadío foi xeralmente coñecido desde tempos antigos como regas, ainda que noutras partes tamén se denominan birtas, madoiras ou l evadas, adoptando distintos sistemas de distribución escasamente complexos, como as caldeiras, regos e decurres que aproveitaban o lóxico discorrer da auga. Porén, as dificultades das regas estaban máis no seu desenvolvemento como sistema comunal onde as sinxelas estruturas de captación, represado e distribución da auga servían a moitos veciños, o que implicaba unha certa complexidade organizativa, baseada no dereito consuetudinario; é dicir, aquel que procede do uso e costume antigos, insertos no Dereito Civil galego. A fin de que existise unha equidade no reparto, facíase un prorrateo das augas, encaixando tamén as horas e días da destinada aos muiños, do que se encargaba un Repartidor, logo avalado polos Concellos, que tamén dirixía os turnos a toque de buguina como acontecía en Arbo.

Sobre este tema existen moitas alusións e referencias pero son escasos os traballos que describan a fondo a organización e os procesos de reparto, podendo citar algúns referentes seculares en Galicia como o de Viana do Bolo, as levadas de Arbo, as regas de Coiro en Cangas ou a Xunta dos Homes Bos de Taboadelo no concello de Ponte Caldelas. Tamén temos referencias do singular sistema de reparto de augas que fan en Felgueiras, perto de Guimarães (Portugal) entre o día de San Xoan e o 15 de agosto, dividindo o día enteiro en seis partes: galo (12 da noite), sol-nado, chouzeiro, sesta, tarde e solposto. O curioso é que a fin e o inicio das tandas destas regas faise medindo en pés (establecidos de oito a tres e inversamente pola tarde) a sombra do regante proxectada polo sol e que se pensou de influencia árabe.

As augas levadas son sobre todo as canalizadas e desviadas dun río ou regato co fin de dirixilas cara o regadío ou un muíño que precisa da caída da auga para mover o rodicio. Ainda así, o topónimo Augalevada non é moi abundante en Galicia como nome de poboacións, detectándose moito máis na microtoponimia. Lugares habitados con este nome ou como Augoalevada, atopámolos na Coruña (1); Lugo (3) Ourense (2) e Pontevedra (1), aparecendo tamén designando algúns montes e ríos. Desde logo, ste nome procede do latín aqua levata .

Mais, o curioso deste topónimo é cando aparece fosilizado na sua evolución e se presenta como A Goleta ou simplemente Goleta que moitos veciños atribúen a unha clase de barco, ainda que o lugar se atope no interior como Monterroso ou a Estrada. Aquí cabe pensar mellor nunha procedencia dun aqua laeta co significado do adxectivo como abondosa ou fertilizante. Neste caso os topónimos de poboación con esta forma atopámolos en todas as provincias agás Ourense. Máis coñecidos, ainda que escasos, son os de Golada ou Agolada localizados en Lugo e Pontevedra, ainda que en Cangas tamén temos A Gholvada (A Golvada), canal que formaba parte do antigo sistema de regas que xa mencionamos.

Máis chamativo ainda é o caso de Cualedro, un concello de Ourense, cuxo topónimo puidemos elucidar grazas a documentos medievais nos que aparece reseñado como Cas das Cualedras que vén sendo como Canles das Augas Levadas. A conversión nunha vila motivaría a mudanza do xénero e o número do topónimo actual.

A palabra cas (lat. canalis) con perdas consonánticas e vocálicas propias da evolución do latín ao galego, tamén se reproduce por Galicia adiante aludindo a canles. Así aparece en singular como A Cal ou Cal (Cal de Outeiro) e en plural como Cas (Cas do esteo, Cas d´urraca, Cas de Miro, Cas Diego...) e Cans, pois todos son o mesmo: canles de augas, levadas ou non.

O rateo

  • Ao falarmos do prorrateo da auga (lat. pro rata) estamos a referirnos a unha antiga figura do dereito común co significado de proporción calculada e tiña como intención primixenia o reparto equitativo da auga e paliación de conflitos veciñais e interditos que, contodo, foron moi comúns ata os anos setenta. A auga destas levadas adoitaba proceder de fontes ou regatos situados en terreos do común ainda que estivesen noutra parroquia pois era a vertente da auga a que determinaba o seu uso e beneficio. Na práctica do rateo das augas en Galicia non coñecemos ningún tipo de ordenanza legal que a regulamente sendo o proceso de reparto verbal e baseado en normas herdadas. Non hai xurados, nin tribunais populares (como en Valencia) a penas un encargado de repartir e dirixir as regas co consenso dos veciños pois cada un coñece o dereito todos e todos o de cada un, ainda que hai quen, por veces, creba o uso. O encargado do rateo procura que a auga sexa proporcional á superficie sendo este un asunto inherente á parcela regable, ata tal punto que en caso de alleamento ou partición da mesma, tamén se partía a proporción de auga. Nalgures, estipulábase un tempo para o rateo pero de non haber novidades podía chegar ata os vinte anos imperando sempre o uso, o costume e a tradición nestes aproveitamentos comunais.

Compartir el artículo

stats