Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Maside en Combarro

Bosquexos, debuxos e acuarelas

Peixeira (1952).

No Sexto Edificio do Museo de Pontevedra pódense contemplar máis de cen obras inéditas de Carlos Maside (Pontecesures, 1897-Santiago de Compostela, 1958), elaboradas durante a súa estadía na vila mariñeira de Combarro no ano 1952. A mostra permite ver exposta por primeira vez unha grande representación dos traballos que o pintor foi elaborando entre os meses de agosto e outubro dese ano. A exposición amosa un Maside totalmente virado cara a captación do popular, aspecto esencial da súa creación desde o comezo da súa traxectoria, cando definiu unha estética que combinaba trazos da modernidade internacional e elementos primitivistas inspirados na tradición plástica galega medieval e popular. O noso pintor chegou a Combarro a través do seu amigo o intelectual e empresario Valentín Paz Andrade e durantes os meses de vai morar na vila mariñeira recolle alí o ambiente portuario, as paisaxes, a arquitectura e as xentes que documenta en bosquexos, acuarelas e debuxos.

Para unha mellor comprensión do contexto, convén ten en conta a situación vital e creativa do artista nesta altura. Durante os años que seguen á Guerra Civil Carlos Maside traballa nun auténtico exilio interior e sen apenas expor, teimando, non obstante, no proxecto de trazar novos camiños na arte galega desde unha actitude de intensa reflexión. As súas obras deste período, como se pode ver na excelente mostra que presenta o Museo de Pontevedra, evidencian este posicionamento especulativo.

O achegamento ao popular de Maside, como se pode ver contemplando os traballos realizados en Combarro, é fundamentalmente un achegamento vivido desde a procura dunha identificación plena co medio que percibe. Cómpre lembramos que a vila de Combarro fora tema recorrente nos pintores galegos rexionalistas -a xeración anterior ao noso artista-, representada desde unha perspectiva pintoresca ou desde un interese arqueolóxico, como se pode ver, por exemplo na obra de Carlos Sobrino. Esta realidade non podía pasar desapercibida para Maside, que vai tentar darlle unha nova volta a uns motivos repedidamente representados nas décadas anteriores.

En principio, Maside tamén parte dunha observación directa dos tipos populares mariñeiros, das mulleres e dos nenos e do mundo que os rodea, ligado ao traballo no mar. Son apuntamentos do natural do mundo galego tradicional, sobre todo mariñeiro, en que salientan as figuras femininas, de tipos populares e intensa dignidade. Porén, o pintor sitúase ben lonxe da captación paisaxística do rexionalismo naturalista, sometendo os temas populares a un proceso de estilización, produto da contemplación estética e afectiva da realidade. O pintor non se achega aos temas cunha concepción substancializante do cromatismo, senón que parte dun sutil subxectivismo. Ollando estas acuarelas e debuxos sentimos que a verdadeira realidade non está no obxecto mesmo, senón na visión persoal do obxecto, na fluída e inconsistente impresión que nos evoca.

Este aspecto esta ben presente en toda a pintura que realiza o noso artista nestes anos, como poden documentar óleos como Peixeira (1952) -presente na mostra- ou Lavandeiras (1953) que manteñen o vigor de composición e a expresividade do debuxo propios da súa obra anterior, mais agora cunha exaltación da cor e da luz.

Nas acuarelas, bosquexos e debuxos de Combarro, o mesmo que nos óleos citados, pódese observar unha economía na linguaxe plástica, enlazando orgánicamente as figuras, coa súa expresividade, e a natureza, que xa non é só un decorado externo ou interno, senón que participa do expresión do mundo vital captado. Consegue así evitar calquera sombra de enxebrismo costumista, reforzando a mensaxe de identificación co popular, non de pura contemplación dunha escena.

Título: Carlos Maside en Combarro, 1952. Bosquexos, debuxos e acuarelas

Comisarios: Rafael Vallejo Pousada e María Esther Rodriguez Losada

Local: Museo de Pontevedra, Pontevedra

Até o 16 de xuño

Fascinación polo popular

  • Carlos Maside, fronte ao discurso tópico sobre nós, aposta por un discurso autorreferenciado. Nesta construción estética e ideolóxica o rexeitamento do anecdótico é esencial. É un factor que nos permite entendermos as procuras e logros de Maside amosándonos a fascinación plena polo popular que caracteriza o seu achegamento ao medio natural. Contemplando o seu traballo temos a sensación de que a súa captación non se produce desde fóra, senón desde dentro, desde unha presenza ligada á súa experiencia vital e á súa vida cotiá, un mundo que é enxergado non cunha mirada distanciada e compracida, senón cunha vontade de comprensión fonda. O seu é un ollar que se quere proxectar sobre o popular, captar moito máis que o superficialmente realista das escenas, achegarse á verdade máis fonda, como cando o pintor protagonista da obra teatral do seu amigo Rafael Dieste A fiestra valdeira se refería ao seu modelo Don Miguel, antigo mariñeiro, de quen soamente que lle interesa que o cadro capte a "dinidade que recibiu dise mester dos ventos e dos compañeiros". Iso é, a esencia do país desde unha perspectiva de identidade e de clase.

Compartir el artículo

stats