Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Un debuxante alemán en Vigo

Breve crónica de Hermann Flecke

M. Sanromán no deseño do debuxante alemán.

Hermann Flecke chegou a Vigo no verán de 1930 como membro da Compañía Hambourg-Amerika Linie que cubría a liña de Alemaña a Sudamérica, con parada na cidade olívica. O Cap Arcona, un vapor rápido e luxoso, botado en 1927 e que era a nave almirante da compañía, foi quen o trouxo onde nós. A súa intención nesta viaxe era instalarse un tempo en Vigo e aproveitar para pintar e debuxar o contorno da baía, ademais de visitar Santiago de Compostela e tomar apuntes da catedral e a urbe histórica. Alugou, así, unha habitación no Hotel Continental, fronte ao porto, e comezou a tomar o pulso da cidade e a contactar coa sociedade burguesa viguesa. Para financiar a súa estadía, ofreceu os seus servizos como profesor de debuxo e pintura a domicilio ou no propio hotel, un anuncio no xornal local así o demostra. Flecke prometía visitar os principais puntos de interese de Vigo e ofrecer ao sector hosteleiro a produción dunha serie de carteis que melloraran a promoción do turismo vigués para os visitantes alemáns.

Nunha entrevista publicada en FARO DE VIGO, afondaba no seu curriculo completo: formación na Academia de Arte de Kassel e na de Berlín, membro da Asociación de Artistas de Berlín, experiencia como cartelista da famosa produtora de cinema alemán, UFA, e correspondente como debuxante de xornais como o Hamburguer Frembendlatt, Hannoverische Zeitung ou o Berliner Zeitung. Durante as viaxes na Hambourg.Amerika Linie, aproveitaba para enviar debuxos dos diferentes lugares nos que facía escala o barco. El mesmo falaba da publicación na prensa alemá de diferentes paisaxes de Vigo, Galicia ou Portugal.

Temos localizada a presenza de Flecke en Vigo alomenos desde agosto a outubro daquel ano 1930. Sabémolo polos debuxos realizados e publicados en FARO. Entre outros persoeiros da cidade, debuxou o alcalde Manuel San Román, o director do xornal, Manuel Otero Bárcena, o pintor e cartelista Emilio Riego Urgal, un cidadán chamado Vicente Ferrer, diferentes membros da tripulación do Cap Arcona (como o Comodoro Sr. Rolin) e mesmo algún ilustre visitante como foi a nadadora Jeanne Allendy, unha francesa que tocaba polas noites nunha orquestra feminina que amenizaba o Café Moderno e que se convertiría na primeira persoa en cruzar a nado a ría desde o Con (Moaña) ata o porto de Vigo o 27 de agosto daquel mesmo ano. Flecke anotou no seu retrato recén o tempo empregado: 2 h. 6 min. 20 s.

Con aqueles debuxos e pinturas, Flecke organizou unha exposición nunha sala do propio Hotel Continental e o fotógrafo Llanos tomou un par de instantáneas que deixaron a pegada da presenza do pintor wntre nós e que hoxe se conservan no Museo Etnolóxico de Ribadavia. Fotografías que amosaban os seus traballos e que falaban dun persoeiro que debeu encandilar á sociedade viguesa e que, se cadra, non era a primeira vez que pasaba pola cidade. O que si podemos afirmar é que fixo boas migas co pintor Emilio Riego, quen estaba aquel verán en Vigo despois das súas viaxes polo Paris de finais dos anos 20. Riego publicou unha caricatura do propio Flecke en FARO DE VIGO. Tamén sabemos que o artista alemán regalou un cadro ao Concello de Vigo titulado Axudade aos pobres e que se fixo unha reprodución do mesmo en forma de tarxeta postal. Descoñezo se se conserva aquela obra.

A mediados de outubro, Flecke continua a súa visita, instalándose unha tempada en Madrid, onde aproveitaría para estudar aos mestres españois conservados no Museo do Prado e algunhas coleccións privadas. Unha compañía alemá fixéralle o encargo de copiar cadros destes museos. Eran tempos nos que a reprodución da arte aínda estaba nas mans de artistas como Flecke.

O Cap Arcona

  • A compañía alemá foi unha das máis importantes no transporte de pasaxeiros de Europa a América no primeiro terzo do século XX. En 1927 botaba o Cap Arcona, o seu barco bandeira, un luxoso navío que xa na súa primeira viaxe transcoceánica facía escala en Vigo en novembro daquel mesmo ano. O comodoro Ernst Rolin (1863-1943) era o encargado de pilotar un navío coñecido en Arxentina e Brasil como "A raíña do Atlántico Sur". Rolin posou para Flecke nalgunha das múltiples travesías que compartiron. Aquel mariño baixiño e simpático, segundo a prensa viguesa, comezara como piloto na compañía hamburguesa en 1885 para ascender a capitán do vapor San Nicolás, o Cap Polonio e, desde 1922, o Cap Arcona. Deixou escrita unha biografía da súa traxectoria (só en alemán), e a súa afable personalidade fixo que en Tenerife exista una rúa adicada a súa persoa. Rolin pasara o período da Grande Guerra en embarcacións fluviais na Arxentina antes de retornar a Alemaña, polo que debemos pensar que falaba español. Na viaxe inaugural do Cap Polonio atracou o buque no Porto da Cruz e desde daquela non deixou de promocionar a paisaxe e o clima das illas entre os pasaxeiros alemáns. Rolin foi por iso nomeado Fillo Adoptivo de Tenerife. Afortunadamente para e, o comodoro Rolin xubilouse, tras 43 anos de servizo, antes de que o Cap Arcona protagonizase unha das grandes traxedias marítimas da II Guerra Mundial. REmatou afundido en maio de 1945 na baía de Lübeck con 4.500 prisioneiros dos campos de concentración. As SS ordenaran embarcar os prisioneiros coa bandeira do III Reich para que servisen de branco dos avións británicos.

Compartir el artículo

stats