Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Tecendo a historia

A arte téxtil de Seoane/EM

Outro dos tapices presentes na mostra

Unha exposición dedicada a un moi relevante conxunto de tapices dos anos 70 do pasado século, asinados por Luís Seoane, xunto a Elena Montero (E.M.), está aberta en Santiago de Compostela, na Fundación Didac. Trátase dunha oportunidade para poñer en valor as artes téxtiles, ás que non se lles presta moita estima, pero que son de fonda tradición na península Ibérica,e de evidente vangarda e innovación en Europa. A mostra - María Elena Montero e Luís Seoane. Tecendo a Historia- ten un pendant ou ampliación "ao outro lado do espello" no Auditorio de Galicia onde se acolle Formas do Deseño. Galicia XXI. Ambas ofrecen unha visión da modernidade e postmodernidade nas linguaxes culturais, concretamente no deseño de produto, téxtil, artístico, industrial ou gráfico, e tentan recoller, por medio dunha selección de obras, as intermitencias das sensibilidades e do mercado coexistentes no latexante cotío do país galego.

Os tapices expostos son froito dun traballo conxunto entre o artista e intelectual Luís Seoane, que daquela estaba residía na Arxentina, e María Elena Montero, quen desenrolaba o seu ámbito na creación artesá en terras galegas, en Sada. Seoane mandaba os cartóns xunta coa indicación do pantone de cor; asemade colaboraba na elección das las e das cores, viaxando conxuntamente coa tecedora até Astorga. María Elena facía o tecido cun tear de alto lizo que construíra o seu compañeiro José Luís Vázquez Freire. E segundo ela, así era o traballo, facendo, facendo?

As temáticas dos tapices subliñan o interese de Luís Seoane polo románico, a historia de Galicia, os mitos e lendas. Mulleres, santos, paxaros, campesiños, leiteiras, barcas, nubeiros, chapeus, panos, pes calzados e espidos son as teimas do imaxinario da arte de Seoane que trae a colación para estas obras. As historias de Galicia como Batalla dos Irmandiños, Pedro Madruga e o Bispo de Tui, San Ero de Armenteira, aparecen narrados nos tapices xunto a outros persoeiros do mundo rural de noso. As pezas teñen uns tamaños que oscilan entre 120x150 cms, 150x120 cms, 200x120cms, 150x80 cms, 120x80cms.

O estilo de Seoane, que combina bloques de cor con liñas perfilando detalles como mans, siluetas, narices, ollos, beizos, sombras..., aparece así mesmo nos tapices e trasladando as formas xeométricas, herdeiras dun románico poético, dun cubismo de salón, dun estilo do deseño gráfico dos anos 50, ao soporte no tecido de la. Daquela, a obra enriquecese cunha nova perspectiva, con outro eido físico que amplía a súa representación nun locus amoenus a incorporar un elemento físico, téxtil e tridimensional.

A fortuna vénnos traer esta exposición arestora, nun período de posta en valor da moda, dos novos soportes nas artes e na ampliación das naturezas e mais formas das manifestacións culturais. E non por menos abrazamos esa arte téxtil e colaborativa co traballo dunha dona. En estudos recentes sobre a Bauhaus, escola da que se celebra este ano o seu centenario, faise fincapé na evidencia de que na sociedade machista da época das vangardas, o papel das mulleres nesa escola estaba pouco valorado, cando non sinxelamente trasposto. Hoxe son moi apreciadas as exposicións e estudos das mulleres artistas na Bauhaus que sostiñan, entre outros aspectos, os talleres de téxtil, como por exemplo Gunta Stölzl, Anni Albers, Gertrud Arndt, Benita Otte, Ida Kerkovius.

Foron asemade visionarias na creación téxtil a lexendaria Gabrielle Coco Chanel, Sonia Delaunay ou Elsa Schiaparelli. Outra xeración de artistas que empregaron o téxtil abrangue a creadoras como Louise Bourgeois. En xeracións posteriores os traballos en téxtil de artistas como Alicia Framis, Joana Vasconcelos, Rei Kawakubo puxo en evidencia a importancia dese campo de expresión. (na pequena lista, mesturo de vontade as artistas plásticas recoñecidas coas modistas recoñecidas).

Arte, téxtil, vangardas, colaboracións e mais donas creadoras: velaí todo un feixe de teimas dos nosos días que deveñen traídos á escena cultural galega da man de David Barro e o seu equipo na Didac que, neste proxecto sobre Seoane/E.M., conta coas expertas opinións de Carmela Montero.

Formas do deseño

  • A parte da mostra que leva por nome Formas do Deseño. Galicia XXI, acóllese no Auditorio de Galicia. Está comisariada asemade por David Barro e Mónica Maneiro e abrangue un amplo abano de eidos no deseño en Galicia levado a cabo entre as últimas décadas do século XX e comezos do XXI. Ábrese a mostra con outro singular tapiz de Luís Seoane e Elena Montero que se exhibe a carón do seu cartón preparatorio, para seguir logo cunha escolma de traballos de Isaac Díaz Pardo e Sargadelos e continuar con moitos nomes senlleiros en Galicia e no deseño nas décadas recentes, como Pepe Barro, Nuria Carballo ou Alberte Permuy. Asemade con autores no espazo da arquitectura como Alberto Noguerol, Pilar Díez e Xosé Bar Boo. Na gráfica Marcos Dopico e María Ramos. En creación cerámica e de obxecto o equipo Formabesta e Idoia Cuesta. No relativo ao deseño téxtil cómpre subliñar a presenza das fotografías da campaña de "la arruga es bella" do ano 1983, asinada polo empresario deseñador Adolfo Domínguez, que fora producida e fotografada polo recentemente falecido Luís Carballo. É un notable exemplo de colaboración no eido creativo e industrial, grazas ao cal queda para a historia da arte, a moda e a industria unha das páxinas máis importantes da moda en Europa, a do espertar do deseño en Galicia. A mostra fai un sistemático e intenso repaso polo deseño das décadas recentes, onde se subliña a evidencia de Galicia como país-marca-produto e onde se recoñecen moitos logros e se advirte do enorme potencial nas artes e o deseño de noso.

Compartir el artículo

stats