Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Un século de pintura

Nos 106 anos de Luís Torras

Retrato (1960).

O pasado 29 de decembro cumpriu 106 anos o pintor Luis Torras Martínez (Vigo, 1912) que, obviamente, é na actualidade o decano dos artistas plásticos galegos e españois.

Os referentes pictóricos que foi elaborando Luis Torras ao longo da súa larga traxectoria teñen moito que ver con tendencias figurativas actuantes no período da súa formación nos xa afastados anos trinta do pasado século, en concreto bebe non só do mundo académico en que se inicou senón tamén da figuración europea de entreguerras que nos anos trinta inzaba os espazos expositivos e as publicacións coevas.

O medio en que se forma é o Madrid dos 30, onde se trasladou con vinte e tres anos, en 1935, para comezar os estudos na Escuela de Bellas Artes de San Fernando, mais ao inicio da Guerra Civil, no verán de 1936, estaba de volta en Vigo por mor das vacacións escolares, este feito vai provocar que sexa forzosamente incorporado ao exército franquista e como consecuencia dos combates ferido na fronte norte por dúas balas, unha delas cerca do cerebro, o que lle produciría de xeito permanente a súa xordeira. Unha vez que foi licenciado, en 1941, deu cabo os seus estudos e obtivo o título de profesor de Debuxo, profesión que exercería, primeiro, en Madrid e máis tarde, dende 1954 en Vigo, na Escola de Artes e Oficios da rúa García Barbón, onde deixou unha importante pegada en varias xeracións viguesas.

Aínda que non exenta de modulacións ao longo do tempo, a obra de Luis Torras combina silencio, estatismo e unha moi elaborada e precisa factura, é o seu un muundo carente de falos preciosismo, tan do noso presente, mais non por iso mesmo con menos sentido no mundo actual, xa que o artista consegue penetrar en aspectos fundamentais da condición humana e reflexionar sobre o sentido profundo da existencia. É a súa unha pintura feita de silencios e envolvida nunha atmosfera conxelada, como era a pintura de Balthus e tamén a de Pancho Cossio, con que non poucas veces se ten posto en relación a súa estética, mais cunha intencionalidade e unhas coordenadas vitais e temáticas ben desemellantes.

Os temas da súa pintura: as paisaxes, as naturezas mortas e as figuras humanas estáticas, frecuentemente en estreita ligazón, permiten ao artista reelaborar os xogos, os ollares, os movementos conxelados e tamén favorecen o pormenorizado estudo compositivo que sen dúbida nos lembra escenas semellantes de interiores barrocos, en especial a tradición española que pasa por Francisco de Zurbarán ou Juan Sánchez Cotán. O pintor vigués traballa cunha actitude de pureza ascética semellante a algúns dos grandes cultivadores da natureza morta hispana, mais que tamén pode lembrar outros grandes creadores de xénero como Lubin Baugin, no século XVII; ou Giorgio Morandi no XX; a semellanza non estaría só no tema senón na actitude, no rigor e no respecto pola economía material e a sólida esencialidade formal.

Como Balthus, Luís Torras utiliza unha linguaxe realista como negación da vida moderna, ao contrario do que realiza, por exemplo Edward Hopper, o grande pintor realista americano, que a reflicte. Luís Torras prefire e aposta polo diálogo coa tradición e polo enigma, cun ritualismo moi acentuado -véxanse as súas figuras humanas realizando labores cotiáns-. Torras na súa procura estilística, acode ás fontes clasicistas, aspecto fundamental para entender a construción e o equilibrio das súas escenas de figuras e as súas naturezas mortas. Son obras que transmiten unha consciencia da condición moderna, nas que percibimos que o clasicismo non é unha simple volta ao pasado senón unha reformulación do ideal clásico peneirado por unha percepción moi ligada valores de modernidade, diriamos que moi século XX.

Fontes clasicistas

  • Luís Torras analiza as formas no espazo, na materia, no espírito e no tempo, revelando que o ilusorio da representación é unha construción cultural que pode dicir tanto da nosa concepción do mundo como a linguaxe máis complexa e elaborada. Se nos achegamos ao conxunto da súa traxectoria, podemos observar como desde finais dos anos 50 e ao longo dos 60 é cando se asentan os trazos máis salientábeis do seu estilo, como o xeito de se achegar á captación lumínica que semella xurdir dos obxectos, dando a sensación de que estes posuísen unha propia fonte de luz; outra característica é a utilización de estruturas esquemáticas sobre fondo branco. Esta técnica é a que dota a representación dun ar de atemporalidade e levidade, nun ámbito liminar como se a vida fose captada en suspensión, que nas obras de intensa presenza dos obxectos -como as naturezas mortas- adquiren unha intensidade emotiva ben forte. Os obxectos que pinta Luís Torras son, xa que logo, concrecións do visíbel, mais non do real, e para a súa realización o pintor sabe que o visíbel comeza coa luz e que o cadro debe iluminar no duplo sentido de permitir a representación e de revelar, un sentido ben profundo que fica alén da simple reprodución dunha determinada figura ou obxecto.

Compartir el artículo

stats