Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Medea en Camariñas

Os clásicos segundo Andrés Pociña

O escritor e latinista Andrés Pociña.

Con prólogo e máis edición da profesora María Teresa Amado, coñecida helenista na Universidade de Santiago, Edicións Laiovento vén de publicar o volume titulado Tres obras teatrais, da autoría de Andrés Pociña, un escritor e profesor nado en Lugo e cunha longa traxectoria investigadora, vinculada ás Universidades de Salamanca e Granada, na que destacan, por exemplo, os traballos sobre Rosalía de Castro, moitos en colaboración con Aurora López. Os dous, reputados latinistas, son autores de volumes tal que Comedia Romana, publicado por Akal en 2007, ao que a crítica ten considerado unha das achegas máis notables no campo, pois nel se considera o desenvolvemento dos seus formatos máis importantes ( palliata, togata, atellana ou mimo), quer na perspectiva literaria, quer na escénica. Igualmente destacable vai ser o estudo titulado Medeas. Versiones de un mito desde Grecia hasta hoy, editado pola Universidade de Granada, onde se van presentando e debullando diferentes pezas inspiradas na tráxica vida da princesa da Cólquida.

De todos os personaxes, masculinos e femininos, que nos legou a antigüidade clásica, poucos hai tan complexos e tan ricos coma Medea, filla da ninfa Idia, sobriña de Circe, sacerdotisa de Hécate, quen lle tería aprendido os segredos da maxia e da bruxería. Semella ter nacido na denominada Cólquida, un reino gobernado polo seu pai, Eetes, situado na beira sueste do Mar Negro, facendo fronteira interior con outros reinos moi notables naquel tempo, como foron Urartu ou a Iberia caucásica. Presente en numerosos textos literarios nas linguas faladas nas moitas beiras do Mar Exeo, a súa peripecia foi presentada na escena ática por Eurípides no ano 431 AC, quen lle confire ao personaxe unha notable complexidade e fondura, e para o que escribe algúns dos monólogos máis interesantes da literatura dramática universal, como aquel no que Medea, contra o verso 364, plenamente disposta a executar a vinganza ao ser desprezada por Xasón e por Creonte, crea a súa dramaturxia, é dicir, elabora de forma meticulosa un plan de acción no que mesmo valora as posibilidades de fuxida e acomodo no obrigado exilio. Xorde así o imperecedoiro Mito da Estranxeira

Hai quen diga que Medea, logo de matar aos seus fillos, andou países enteiros e sempre ben lonxe de Corinto, e nesta versión de Andrés Pociña a poderosa muller caucásica busca acougo en Camariñas, na Costa da Morte, xusto no outro confín do mundo coñecido, quizais no lugar de Tor, ou no de Arou, e alí comparte vida e lavadoiro con outras mulleres, ás que finalmente, para calar as moitas falas das xentes sobre o seu pasado, acaba por contar a súa verdade. Emerxe así unha Medea ben diferente da que nos teñen trasladado poetas, dramaturgos, historiadores ou pintores, ao mellor moito máis axeitada aos tempos aqueles en que a idade do bronce estaba dando paso á idade do ferro, e cando os pazos dos reis locais non eran máis que pequenas casas de pedra de cantería, e por iso diferentes aos chamizos en que habitaban todas as xentes do común. Por iso, nesta versión do profesor Pociña, o famoso e moi celebrado Vélaro de Ouro, cobizado botín que procuran os Argonautas comandados por Xasón, vai ser substituído por outro tesouro seguramente moito máis acaído á aqueles tempos en que as necesidades dos donos de terras de labranza e campóns para alimentar bestas, con poucas atalaias de defensa, eran moitas.

Medea, que xa na peza máis lograda de Eurípides destacaba pola súa capacidade para elaborar o pensamento, pola súa racionalidade, vai enfiando aquí un longo monólogo onde dá conta dunha vida atormentada e ofrece unha visión ben diferente daqueles fitos e feitos sobre os que se compuxeron obras tan notables como As Argonáuticas, de Apolonio de Rodas, a mediados do século III antes da nosa era, epopea comparable a aquelas outras que fixo celebres un tal Homero. Unha epopea que sitúa naquela viaxe, en certo modo iniciática, aos heroes máis importantes das vedrañas tradicións que van conformando unha mitoloxía grega sobre a que se construirá unha literatura dramática sen comparanza nas letras universais, pola que asoman as historias de mulleres moi notables coma Helena, Electra, Ifixenia, Hécuba, Andrómaca, Clitemnestra, Iocasta, Fedra, ben que as máis das veces o fagan como vítimas das falcatruadas e felonías dos homes. Todo un mundo por explorar, ora na súa versión orixinal ora desde as moitas lecturas que os tempos actuais nos propoñen ou demandan.

Dúas pezas máis

  • Contén o volume outros dos textos nos que se presentan peripecias igualmente salientables. Unha tardiña en Mitilene recrea o acontecer dun día calquera na casa da famosa poetisa Safo, sita na illa grega de Lesbos, cabo da costa da fermosa e vella Eolia. Unha casa na que acollía mulleres de familias da aristocracia local para aprenderen algunhas das cousas necesarias para se converteren en mulleres cultivadas, unha educación que en ocasións facía que aqueles mozas tomaran conciencia do seu rol subalterno e acabaran mirando o mundo con outros ollos, cunha outra mirada que cuestionaba a orde establecida por unha caste de homes feitos e afeitos para os oficios da guerra ou para as durezas dos labores do agro e dos rabaños de gando. Un mundo ben similar ao que habitaron outras mulleres, dramaturgas notables, coma Hrosvita de Galdersheim ou Hildegard von Bingen, felices por estaren recluídas en conventos que convertían en illas de sabedoría e ilustración, lonxe da violencia masculina. As ricas, que as pobres... Finalmente, A ntígona ante os xuíces, un texto que volve sobre a peripecia dunha das mulleres máis célebres de Tebas, e que ten dado lugar a un bo número de versións na literatura occidental, entre as que destacamos as de Walter Hasenclever, Salvador Espriu, Jean Anouilh, Manuel Lourenzo ou Griselda Gambarro. Textos sobre os que George Steiner escribiu un interesante traballo, publicado en 1984, para mostrar algunhas formas posibles de explicar ou entender o conflito entre Antígona e Creonte, que ben pode recrear a loita entre a lei tribal e o poder da cidade, ou supoñer unha defensa radical da liberdade e fronte á opresión. Lonxe da escala de grises, que asomaba na visión que Sófocles nos legou, aquí proponse unha lectura en clave feminista, seguramente máis acorde cos tempos que vivimos, ben que os problemas sexan os mesmos de sempre, como sinalaba o sociólogo Carlos Lerena: reprimir ou liberar.

Compartir el artículo

stats