Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

A escultura de Camilo Nogueira

Do monumento aos Mártires de Sobredo

Camilo Nogueira (1904-1982).

O pasado día 28 de novembro cumpríronse 96 anos do masacre de labregos a mans da Garda Civil en Sobredo (Guillarei, Tui), un episodio que marcou de xeito dramático a loita antiforal na Galiza das primeiras décadas do pasado século.

Proba da importancia deste feito foi o erguemento dun monumento aos chamados "Mártires de Sobredo", inaugurado o 28 de novembro de 1932, en plena II República, obra que sería dinamitada polo sublevados fascistas en 1936 e novamente posta en pé en 1988, recuperadas as liberdades democráticas, por iniciativa das entidades veciñais e de montes da zona.

O autor desta obra foi o notábel escultor Camilo Nogueira (Lavadores, Vigo, 1906-1982). Nogueira foi un artista da xeración d'Os Novos, os renovadores da arte galega de entreguerras, sendo, no seu caso sensíbel á influencia de Francisco Asorey (1889-1961), a grande figura que encheu coa súa extraordinaria personalidade a escultura galega da primeira metade do século XX en Galiza.

Como o cambadés, Camilo Nogueira supera os estereotipos costumistas ao dotalos dun simbolismo renovador por medio dun tratamento formal que se afasta dos modelos decimonónicos. E faino nun momento de auxe nacionalista sendo a súa obra encadrábel na procura dunha arte nacional, fortemente ligada á tradición, mais, ao tempo, renovadora, como podía ser no ámbito literario o papel de Ramón Cabanillas, na poesía, ou o dos intelectuais do grupo Nós, para a narrativa ou o ensaísmo.

Camilo Nogueira elabora unha obra influída polo primitivismo e a temática social e popular. As súas obras anteriores á guerra civil, case sempre en madeira, son dunha estética figurativa en que dominan temas sociais: a emigración, a fame, a dor, o traballo... desenvolvidos cunha estética afín á Xeración Nós, sintonía que vén das súas conviccións culturais e ideolóxicas, como proba a súa militancia no Partido Galeguista. En obras como Represión (1931, colección particular) ou Fuxindo (ca. 1930, colección particular) enfatiza os protagonistas populares, novos heroes dunha época marcada pola intensificación da loita de clases. Estes aspectos tamén se poden detectar no seu traballo máis importante destes anos: o Monumento aos mártires de Sobredo (1932) en que se lembraba as vítimas da loita agrarista, traballo dunha linguaxe entre simbolista e expresionista, mais cun tratamento sobrio e xeométrico no que atinxe a aspectos formais como evidencia o xeito de concibir o bloque. O monumento consistía nun monolito en que ocupaba a parte superior un sol con feixes radiais; na parte central amosaba unha figura humana -esculpida en relevo- que caía vítima da represión en canto erguía unha balanza, representando a Xustiza. Ao pé do monolito Camilo Nogueira colocou un naipelo apoiado sobre unha muller que figura morta na base da escultura. A obra foi parcilamente recomposta e restaurada en 1988, sendo reconstruída en parte con pezas que se conservaban.

Este monumento e o seu contexto reivindicativo evidencia que a estratexia de boa parte da arte galega destes anos -década dos vinte e trinta- é en boa medida rexeneradora. Para moitos artistas tratábase de fertilizar a linguaxe da arte do seu tempo coa sabedoría autóctona, movidos polo desexo de se mergullaren no máis logrado da tradición para conseguir as mellores calidades da arte popular e dotala dun sentido social liberador. Daquela, a obra de Camilo Nogueira realizada desde os anos vinte e durante o período republicano é unha obra que quere recoller un modelo de arte recoñecibelmente "galega", pero en que a pegada do social ten un peso moi relevante. Non debemos de esquecer que estamos nun período de crise e convulsión. No ámbito internacional e no nacional é un tempo ameazante -o do ascenso dos fascismos- e os artistas teñen que lidar con esa realidade punxente. En moitos deles, como é o caso de Camilo Nogueira, é a sensibilidade social a que fai que vexan a necesidade de crearen unha arte que conxugue renovación con compromiso; é a súa compoñente social e nacional a que perfila a súa linguaxe plástica, da mesma maneira que a literatura galega da época opta, en xeral, por unha renovación que prima a capacidade de conexión cunha sociedade necesitada de referentes positivos, cohesionadores.

Memoria histórica e artística

  • Cómpre lembrar que esta actitude se insire de xeito natural nos discursos culturais desta altura, unha época turbulenta e complexa no que atinxe ao ámbito político e artístico, onde se confrontan, frecuentemente de xeito paradoxal, tradición e modernidade. Estamos nun tempo en que pensadores como Benjamin, Adorno ou Luckács reflexionan amplamente sobre aspectos estéticos, e non se achegan a eles desde o reducionismo de consideralos síntomas ou reflexo da realidade social e política. O seu interese xira ao redor da identificación das formas artísticas que serían quen de produciren novas formas políticas. Tratábase dun debate que era ao tempo ético e estético e que situaba o artista no centro, solicitando del respostas ás incertezas dese tempo desacougante. Ao artista correspondíalle determinar se optar por unha arte comprometida supuña renunciar a unha arte autónoma, e viceversa; ou se era posíbel conciliar nunha praxe compromiso e autonomía. O Monumento aos Mártires de Sobredo insírese, pois, nestas querenzas e debates e iso explica o seu derrubamento en 1936 mais tamén a súa recuperación que é parte da vontade de actualizada reafirmación da nosa memoria histórica e artística.

Compartir el artículo

stats